A Festa da Filloa e o Alto dos Xenerais da Ulla, festas de interese turístico de Galicia, terán lugar o domingo 6 de marzo baixo un estrito protocolo anti-covid
O alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, o xerente da Axencia de Turismo de Galicia; o deputado autonómico e presidente da Comisión de Control da CRTVG, Ovidio Rodeiro Tato; e o presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal, presentaron na Hospedería San Martín Pinario (Santiago) o programa da 39ª edición da Festa da Filloa de Lestedo, que terá lugar en Boqueixón o domingo 6 de marzo.
O alcalde de Boqueixón explicou nesta presentación que a Festa da Filloa “volve despois dun ano cos fogóns apagados por mor da pandemia sanitaria” e destacou que “é unha festa moi ligada á promoción da cultura e das tradicións galegas”. Por iso, agradeceu especialmente á veciñanza de Lestedo e á Asociación Cultural da Filloa “por ser quen de elaborar un programa tan completo nun tempo récord”.
Pola súa parte, José Manuel Canabal destacou que o programa deste ano contempla grandes novidades, motivadas pola situación sanitaria. “A primeira delas é o cambio de hora do Gran Alto dos Xenerais da Ulla, que pasan da tarde ás 12:30 horas, xusto antes do pregón e que non haberá Desfile de Xenerais”, indicou Canabal. Neste sentido, a organización contará cunha empresa especializada que se encargará de que se cumpra en todo momento a normativa preventiva fronte á Covid-19 e que o campo da festa estea dividido en distintas zonas para que non se produzan masificacións.
Finalmente, Ovidio Rodeiro asegurou que esta festa “é unha celebración que representa un recoñecemento aos homes e mulleres de Lestedo que levan 39 anos facendo unha festa de parroquia que, ao mesmo tempo, lograron que sexa unha das festas gastronómicas máis importantes de Galicia e co selo de Festa de Interese Turístico Galego”.
A partir de hoxe, comezan intensas semanas de promoción da Festa da Filloa. Así, do mércores 23 de febreiro ao venres 4 de marzo, unha filloeira elaborará de xeito tradicional as filloas de Lestedo na cafetería do Centro Comercial El Corte Inglés. E o venres 4 de marzo, ás 13:00 horas, Roberto Filgueira, do Restaurante O Balado, impartirá unha masterclass ao alumnado do Centro Integrado de Formación Profesional de Santiago de Compostela no que amosará as posibilidades culinarias da filloa.
Programa da 39ª Festa da Filloa de Lestedo
O programa da Festa da Filloa o 6 de marzo dará comezo ás 10:00 horas, co acendido da máquina filloeira onde se poderán mercar as filloas. A partir das 11:00 horas, o Local Social de Lestedo acollerá a inauguración da mostra fotográfica “39 anos filloando”, organizada pola asociación de veciños de Lestedo. Durante o acto terá lugar a entrega dos premios do II Concurso Fotográfico “Filloarte”, que se está celebrando nestes momentos a través da fan page en Facebook da Asociación Cultural da Filloa (facebook.com/filloaoficial).
A actuación de grupos musicais da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio (11:30 horas) e a tradicional parranda de entroido (12:00 horas) no campo da Festa darán paso ao Gran Alto dos Xenerais da Ulla, que terá lugar ás 12:30 horas. Mediante estrofas rimadas e con moita ironía e humor, falarán de política e temas de actualidade para dar paso á actriz María Mera, que un ano máis presentará o pregón das festas. Un pregón que este ano correrá a cargo do profesor e escritor Xosé Manuel Lobato.
A orquestra Finisterre porá o broche final a unha intensa mañá de actividades coa sesión vermú. Esta formación, canda a orquestra Olympus, protagonizarán a verbena a partir das 18:00 horas.