A iniciativa está financiada por laCaixa, ten unha vixencia dun ano e as prácticas non contan con retribución
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, asinou con representantes de 19 empresas do municipio convenios de colaboración que facilitarán que 15 alumnos do programa Mentor efectúen prácticas formativas nas empresas, pertencentes a distintos sectores de actividade. A iniciativa está financiada por laCaixa, polo que o director da súa sucursal en Sigüeiro, José Manuel Quindimil, tamén estivo presente no acto de sinatura.
Mirás Franqueira, que agradeceu a colaboración das empresas e da entidade financeira, destacou a relevancia da formación práctica para o mercado laboral na actualidade: “o mundo do emprego hoxe móvese a velocidade de vertixe, e para acceder a un posto de traballo é moi necesario coñecer a profesión, desde a perspectiva teórica pero sobre todo a nivel práctico”, afirmou o alcalde.
Por iso, o convenio contempla que o alumnado do programa Mentor se forme en centros de traballo reais, cun coñecemento directo e do ambiente real de traballo, en xornadas de catro horas diarias axustadas ao horario da empresa. Os convenios teñen unha vixencia dun ano e son prorrogables. Non implican ningúna relación laboral entre o alumnado e o Concello ou as empresas nas que se desenvolvan as prácticas, que non son retribuídas. Ao remate do período de formación na empresa, a compañía expedirá un certificado acreditando o número de horas de prácticas realizadas.
As empresas participantes neste proxecto ofreceron para as prácticas postos de auxiliares administrativos, aprendiz de deseño, técnicos de educación infantil, camareiros, auxiliar de imaxe, carpinteiros, auxiliar de taller de informática, xericultora, técnico en horta, auxiliar de fontanería e auxiliar de confección.