Friday 22 de November de 2024

As memorias dun supervivente da Matanza de Atocha chegan ao Teatro Rosalía de Castro coa obra ‘Atocha. El revés de la luz’


O recinto municipal acollerá dúas funcións entre o venres e o sábado, ás 20.30 horas, do cuarto espectáculo previsto na programación de primavera do Ciclo Principal

O Teatro Rosalía de Castro abrirá as súas portas esta semana, o venres 18 e o sábado 19, ao cuarto dos espectáculos previstos na programación do Ciclo Principal de Teatro-Primavera 2022, que comezou a finais do mes de xaneiro.

‘Atocha. El revés de la luz’, dirixida por Javier Durán e protagonizada por Nacho Laseca e Fátima Baeza, aborda a historia da coñecida como a Matanza de Atocha, o atentado cometido por un comando da ultradereita que o día 24 de marzo do 1977 segou a vida de cinco persoas no centro de Madrid. Tres avogados, un estudante e un administrativo foron asasinados.

O argumento da peza teatral xira arredor da figura de Alejandro Ruiz-Huerta, un dos catro feridos no suceso e o único dos avogados de Atocha que sufriu o atentado e ficou vivo para contalo a día de hoxe. Tempo despois do ocorrido, Ruiz-Huerta séntase a escribir as súas memorias, pero síntese incapaz de narrar aquel fatídico día. Para retrasar o momento de enfrontarse a iso, comeza o relato pola súa etapa universitaria e vai dando saltos por diferentes épocas que compoñen un retrato dobre: o da persoa que loitou polas súas ideas ata as últimas consecuencias e o dun período fundamental para comprender a historia recente de España.

As entradas para asistir ao espectáculo (venres 18 e sábado 19 ás 20.30 horas), están á venda e dispoñibles a través da páxina web de Ataquilla.com e tamén no despacho de billetes central do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) da praza de Ourense (de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas), con prezos de 5 a 14 euros para o público xeral.

Os pases tamén poderán adquirirse o día da actuación, nos despachos de billetes do Teatro Rosalía de Castro (de 16.00 a 20.00 horas), sempre que haxa entradas dispoñibles.

O cumprimento das pautas e medidas sanitarias contra a Covid-19
Durante a sesión, e en virtude das medidas sanitarias vixentes contra a Covid-19, será obrigatorio dispor do certificado de vacinación e tamén o uso de máscaras para as persoas asistentes. Ademais, e en todo momento, tanto na agarda, acceso e estancia dentro do recinto, as usuarias e usuarios deberán seguir as instrucións do persoal.

Por outra banda, non poderán acceder ao evento aquelas persoas con síntomas compatibles coa Covid-19, aquelas diagnosticadas coa enfermidade e as que non finalizasen o período de illamento, así como as persoas que se atopen en período de corentena domiciliaria por ter contacto estreito con algunha persoa afectada por síntomas ou diagnosticada da Covid-19.

Outras nove obras previstas ata mediados de xuño
Tras ‘Atocha. El revés de la luz’, a programación do Ciclo de Teatro-Primavera 2022 no Rosalía de Castro presenta nove obras máis durante este primeiro semestre de ano. Son as seguintes:
● 4 e 5 de marzo: El cuaderno de Pitágoras, con Manolo Caro e Emmanuel Cea.
● 12 de marzo: Tierras del Sud (Trilogía Pacífico), con Laida Azkona e Txalo Toloza-Fernández.
● 18 e 19 de marzo: Eva contra Eva, con Ana Belén e Mel Salvatierra.
● 27 de marzo: El diablo en la playa, con Celeste e Claudia Faci.
● 1 e 2 de abril: Lo fingido verdadero, con María Besant e Montse Díez.
● 8 e 9 de abril: Smoke on the water, con Josito Porto e Belén Constenla.
● 22 e 23 de abril: Erresuma. Kingdom, con José María Pou e Eneko Sagardoy.
● 20 e 21 de maio: As que limpan, con Areta Bolado e Noelia Castro.
● 17 e 18 de xuño: Los Santos Inocentes, con Javier Gutiérrez e Pepa Pedroche