· As persoas promotoras de proxectos deste tipo disporán dunha gran aula deste inmoble para habilitar a que sería a segunda Casa do Maior de Camariñas.
· Sandra Insua destacou que “queremos colaborar no fomento da autonomía das persoas maiores” e explicou que “tomamos a iniciativa iniciativa de dar utilidade social a un ben municipal”.
O Concello de Camariñas acordou en Xunta de Goberno Local ofertar o Centro de Iniciativas, situado na rúa Río do Prado, para que funcione como a segunda Casa do Maior do municipio, uns pequenos centros de día que a Consellería de Política Social fomenta no rural para cubrir este servizo.
Trala recente inauguración da Casa do Maior de Xaviña, o Concello aposta polo Centro de Iniciativas para acoller este servizo e ofrece para isto unha gran aula do edificio, no que actualmente se leva a cabo o obradoiro de emprego, as clases de informática e outras actividades.
Ao igual que ocorre coa de Xaviña, o servizo estará financiando integramente pola Xunta de Galicia a través dunha liña de axudas da Consellería de Política Social para a posta en marcha de Casas do Maior en toda a comunidade.
Así, a través deste acordo ponse a disposición das persoas promotoras de proxectos de casas de maiores o Centro de Iniciativas para presentar as correspondentes solicitudes de participación nesta convocatoria de subvencións autonómicas.
Unha das condicións que se establecen é o compromiso das persoas promotoras de realizar as obras necesarias para a adaptación do inmoble e a dotación do mobiliario necesario para adecuarse ao establecido na convocatoria. Ademais, a duración máxima de autorización de ocupación será de 5 anos.
A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, destacou que “mentres o Centro de Día non sexa unha realidade cremos que é moi importante utilizar os bens municipais para poder ofrecer este servizo á veciñanza” e explicou que “a de Xaviña acaba de nacer e xa está a ter unha gran aceptación polo que agardamos que esta, que conta cun emprazamento inmellorable, tamén sexa un éxito”.