A sesión plenaria aproba adaptar as tarifas da escola infantil á suba do IPC das tarifas autonómicas
O pleno do Concello de Oroso aprobou unha modificación da ordenanza fiscal reguladora do Imposto de Bens Inmobles (IBI), consistente en utilizar o Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) na tramitación da bonificación do 90 % na cota para familias numerosas. Este indicador substitúe un cadro de importes que se viña empregando desde 2003.
Un dos beneficios do cambio é que non será precisa a modificación anual da ordenzanza, ao actualizarse automaticamente o IPREM cada ano. E tamén se evita que se aproveiten da bonificación familias que, aínda tendo a consideración de numerosas, conten cun nivel de renda suficiente. A modificación, aprobada cos votos a favor de todos os grupos a non ser a abstención do concelleiro do Partido Galeguista, inclúe ademais unha maior precisión nos prazos e a documentación que se debe presentar na solicitude da bonificación.
Como ata agora, poderase acceder ao desconto cando o suxeito pasivo –quen paga o imposto- sexa titular de familia numerosa e o inmoble sexa de uso residencial habitual para el e todos os integrantes da unidade familiar considerada numerosa. O nivel de renda per cápita non poderá superar o 150 % do importe anual do IPREM, sen pagas extra. Tamén se teñen en conta as situacións de discapacidade, xa que cada integrante da familia cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 % ou con incapacidade permanente absoluta computará como dous á hora de calcular o nivel de renda per cápita.
Na mesma sesión tamén se modificou a ordenanza do prezo público da escola infantil, adaptando as tarifas á suba do IPC das tarifas autonómicas. Este trámite, que aplica un decreto da Xunta, permítelle ao Concello optar ás subvencións que a Xunta de Galicia outorga cada ano
Moción
Na quenda de mocións, a única que se prsesentou foi a do concelleiro do PG para solicitar a revisión da facturación eléctrica municipal. A corporación rexeitouna, cos votos do PSdeG-PSOE e o PP e a abstención do BNG. O tenente de alcalde, Antonio Leira, aclarou que os traballadores do Concello revisan que todas as facturas sexan procedentes e devólvenas cando observan algún erro, de modo que a iniciativa “non ten sentido neste Concello”, tal como concluíu o alcalde, Manuel Mirás.