Boa parte dos servizos que ofrece Correos nas súas oficinas poden solicitárselle desde hai uns días á carteira ou carteiro rural cando nos veña pola casa. A empresa pública completou recentemente a entrega de novas PDA’s ao seu persoal de reparto coas que é posible que as persoas usuarias ingresen e retiren cartos en efectivo, o envío e recepción de paquetería, pagar recibos e tributos, adquirir embalaxes e outras xestións que antes esixían desprazarse a Narón, Valdoviño ou a outra oficina física. O servizo a domicilio empezou a activarse progresivamente o pasado mes de decembro en todo o Estado e xa é operativo en San Sadurniño, tal e como informaron dúas responsables da empresa pública nunha xuntanza mantida co alcalde a semana pasada.
Correos lanzou antes do Nadal a campaña publicitaria #ViveDondeQuieras, co obxectivo de dar a coñecer a súa nova estratexia de servizos orientados ás zonas máis despoboadas, reivindicando a figura dos seus máis de 6.000 carteiros e carteiras rurais como “facilitadores do día a día da veciñanza que vive ou ten pensado trasladar a súa residencia ao rural”.
Neste sentido, a empresa responsable do servizo postal universal en España tamén pretende compensar cun servizo de proximidade e máis diversificado o descenso de envíos tradicionais e a redución do volume de paquetería do comercio electrónico entregada polo seu persoal de reparto, que agora se canaliza principalmente a través da filial Correos Express sostida nunha ampla rede de pequenos transportistas autónomos.
Segundo informou Correos ao Concello, as carteiras que atenden as parroquias de San Sadurniño, ademais de entregarnos a correspondencia, tamén ofrecerán o servizo de ingresar e retirar diñeiro en efectivo; enviar e recibir paquetería; pagar recibos e tributos; adquirir embalaxes prefranqueados, sobres e selos; xestionar servizos de luz, gas e telefonía “e moitos máis servizos” que ata agora só se estaban prestando nas oficinas físicas, as máis próximas en Narón e Valdoviño.
Cómpre recordar, por outra banda, que o grupo tamén puxo en marcha en 2019 a plataforma Correos Market que funciona como unha grande tenda virtual na que atopar todo tipo de produtos, aínda que moi enfocada a que os pequenos negocios de proximidade poidan acceder a mercados de ámbito estatal e internacional.
Correos Market proporciónalles no mesmo contrato unha miniweb de comercio electrónico integrada no market place -con método de pago seguro con tarxeta ou Paypal- e tamén a loxística de envíos e devolucións. En Correos Market xa podemos atopar, por agora, artigos de tres firmas da nosa comarca: os queixos de Campo Capela, mollos fabricados en Valdoviño por A Factoría do Lume e producións creativas comercializadas por Pingota Comunicación desde Ferrol.