Friday 22 de November de 2024

Os 17 concellos da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas optan a axudas de ata 80.000€ para actuacións que poñan en valor estes espazos


— Belén do Campo recordou que esta orde -dirixida tamén ás entidades ambientais e sociais- está dotada dunha partida de 3,22 millóns de euros

— A partir de mañá e durante un mes, os xestores das reservas de Terras do Miño, dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, Área de Allariz e das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo tamén poden acceder aos 1,83 millóns de euros da orde para o impulso de actuacións de mellora e posta en valor destas zonas

Os 17 concellos que forman parte da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo poden optar a axudas de ata 80.000 euros para financiar proxectos, actuacións e iniciativas que teñan como obxectivo principal a mellora e posta en valor deste espazo natural.

Así o anunciou hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, que esta mañá -acompañada do presidente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, José Antonio Santiso, e do alcalde de Cambre, Óscar García Patiño- visitou a zona de especial conservación Encoro de Abegondo-Cecebre, onde recordou que a orde de axudas dirixida a financiar actuacións de concellos e entidades nas sete reservas da biosfera de Galicia, foi convocada o pasado venres, polo que o prazo permanece aberto ata o 11 de marzo.

Recordou que estas axudas tamén están dirixidas ás comunidades de montes veciñais, asociacións de custodia do territorio e organizacións ambientalista vencelladas a estes espazos, que poden acceder a un incentivo de ata 25.000 euros.

Así, disponse un orzamento global de 3,22 millóns de euros para o período 2022-2023, que permitirán financiar a instalación de observatorios para aves, accións de recuperación de vexetación de ribeira nos ríos ou de eliminación de especies invasoras, accións de concienciación, mellora de sendas e áreas de descanso ou colocación de sinalización.

Axudas aos xestores
A directora xeral tamén avanzou que hoxe mesmo, e por primeira vez, se convoca unha liña de subvencións similar, pero destinada aos xestores das reservas, para colaborar no impulso e execución do mesmo tipo de accións subvencionables. O orzamento global para os anos 2022-2023 é de 1,83 millóns de euros.

Belén do Campo invitou aos órganos xestores da reserva de biosfera de Terras do Miño, dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, Área de Allariz e das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo a acceder a estes incentivos -cuxo prazo de solicitude se abre mañá e ata o 17 de marzo- para levar a cabo actuacións de conservación e xestión da biodiversidade e dos recursos naturais, que atesouran estes espazos; ou de mellora da gobernanza.

Estas entidades optan a axudas que poderán cubrir ata o 100 % do custo do proxecto, ata os 625.000 euros. Aclarou que só se admitirá unha solicitude e proxecto por reserva, polo que animou aos 50 concellos -que se localizan nas catro reservas- a trasladar aos seus xestores aquelas iniciativas e accións que sexan de interese no seu termo municipal e para os seus veciños, co obxectivo de determinar unha planificación que se poida materializar.

A modo de exemplo, explicou que serán subvencionables a conservación de hábitats terrestres e especies, incluídos os inventarios de fauna e flora, a creación e mellora de pequenas infraestruturas encamiñadas a unha mellora ambiental para favorecer a conservación da biodiversidade; eliminación e control de especies exóticas invasoras e a adecuación de tendidos eléctricos para evitar impactos paisaxísticos e sobre a biodiversidade.

Tamén poderán se poderán financiar, a cargo desta liña de incentivos, actividades de formación para os habitantes e o persoal da reserva, as actuacións de concienciación e sensibilización que promovan as asociacións locais; así como aqueles proxectos que aposten por un turismo sustentable que potencie o patrimonio cultural e a paisaxe.

Por último, destacou que a orde tamén fixa como actuación subvencionable a mellora das infraestruturas de uso público e turístico, os proxectos de instalación, adaptación e mellora, da sinalización -conforme ao manual de imaxe aprobado polo Comité Español do Programa MaB- e aqueles que teñan por finalidade a recuperación paisaxística.