O novo sistema colocarase nas rúas Carnota, Cidade Xardín, Campeiras e na zona de Merelle. Permitirá un elevado aforro na factura debido ao seu sistema progresivo de redución de intensidade programada
O Concello de Ordes continúa co plan de investimento para a mellora de diversos servizos de seu casco urbano. Nesta ocasión hai que falar do sistema de iluminación, no que se acometeran cambios e melloras en varias rúas.
A primeira delas é a rúa Carnota, onde nestes días xa se iniciaron as tarefas correspondentes para a substitución das lámpadas existentes ata o de agora. Concretamente instaláronse nove báculos de nove metros de altura con luminarias tipo estanquidade IP66 de clase 2. Grazas a iso puidéronse substituír as lámpadas de 150 W que había por uns novos haloxenuros metálicos cerámicos de 100 W, de alta intensidade e con equipos electrónicos de tripla redución. Unha variación que repercutirá positivamente nas arcas municipais ao supoñer un aforro “moi considerable” na factura eléctrica ao reducirse o consumo, aseguran dende a empresa encargada das tarefas. Este novo sistema permite a diminución da intensidade por franxas horarias sen que repercuta no nivel de luminescencia, podendo programar o nivel máis baixo para a madrugada, na que a presenza de peóns e condutores é mínima.
Ao longo dos vindeiros días as rúas Campeiras e Cidade Xardín tamén contarán co mesmo sistema de iluminación. Dadas as características destas vías tamén se colocarán lámpadas de 100 W co seu conseguinte aforro. Por outra banda na zona de Merelle, concretamente pasado o restaurante Mesón de Deus ata a rotonda do polígono industrial,os novos farois serán xa de 150 W.