Un neno, hoxe home, que quería ser astronauta. Unha historia na que se mestura a ciencia ficción cunha realidade ben real, a do acoso escolar, que se aborda nunha curtametraxe distinta. Falamos de “Devoradora de nenos”, un proxecto promovido polo deseñador e cineasta Martiño Vázquez, autor á súa vez dun texto que cobrou forma visual con guión de Marcos Nine e dirección de Fran X. Rodríguez. A curta está de preestrea e chegará a San Sadurniño este domingo ás 18:00h. Proxectarase nun pase con aforo limitado no que tamén poderemos ver outras pezas, como a multipremiada “Beautiful Boy” ou o “Limiar“, co que Vázquez e Rodríguez participaron na última edición do Chanfaina Lab. Para acudir ao evento fai falla reservar entrada a través desta ligazón.
“Devoradora de nenos” está protagonizada por Santi Prego e conta no seu elenco con outras referencias do noso audiovisual, como Sergio Pazos, Xaquín Domínguez ou Chus Álvarez. De curta ten só a duración, xa que todo o relativo a produción e posta en escena é o propio dun grande proxecto no que se coidou até o máis mínimo detalle a ambientación e o atrezzo.
O produtor executivo e autor da idea orixinal, Martiño Vázquez, avanzáballe a El Progreso pouco antes do inicio da rodaxe que o filme é a historia dun neno vítima de acoso escolar cuxo soño de se converter en astronauta se ve interrompido por un suceso traumático. “A curta vai xirar sobre esa viaxe do protagonista, a ver se cumpre ou non o seu soño e de que maneira”, explicáballe Vázquez á xornalista Lupe F. Bouza en setembro de 2020.
Pouco máis trascendeu do proxecto nos últimos meses. Só aquelas persoas que participaron nel e quen puideron asistir á preestrea do mes de decembro en Rianxo coñecen xa unha historia que se proxectará de novo este venres en Burela e o domingo na Casa da Cultura de San Sadurniño, por ser este un dos concellos que apoiou a curtametraxe. Ademais de ver case en primicia “Devoradora de nenos”, o programa tamén inclúe o pase de “Beautiful Boy” e da curta “Limiar”, esta última encadrada no Chanfaina Lab 19-20, o último que se levou a cabo antes da pandemia.
Segundo comentou esta mañá o alcalde, Secundino García, a preestrea deste domingo -18:00h- tamén servirá para anunciar os contidos e as datas previstas para a reanudación do encontro audiovisual, que o Concello agarda poder organizar de novo este ano.
Recordamos que para acudir á proxección de “Limiar”, “Beautiful Boy” e “Devoradora de nenos” (máis o contido extra de como se fixo) hai que reservar entrada a través desta ligazón.