Saturday 16 de November de 2024

A Edar de Bens renova a súa aposta pola inserción laboral feminina grazas á colaboración con Mulleres Colleiteiras


A alcaldesa e presidenta da EDAR, Inés Rey, asinou a renovación do convenio de colaboración co colectivo, que no 2021 recolleu unha media de 18.000 quilos de aceite usado ao mes

A alcaldesa da Coruña e presidenta de Edar de Bens S.A., Inés Rey, asinou esta mañá a renovación do convenio de colaboración entre a entidade supramunicipal e o colectivo Mulleres Colleiteiras. Este acordo consistirá nunha achega de 15.000 euros para impulsar a inserción laboral de mulleres en risco de exclusión social. Mulleres Colleiteiras ten como obxectivo promover o emprego feminino mediante a recollida de aceites usados para a súa reutilización. Esta iniciativa busca amosar o interese de persoas
en situación de exclusión de reintegrarse na sociedade e de participar activamente nela. O Concello da Coruña colabora desde hai anos co colectivo, que procura tamén reducir a vertedura de aceites na rede de sumidoiros.

O labor de Mulleres Colleiteiras evita que o aceite usado chegue ás augas residuais da cidade e, desta forma, protexe o medio ambiente e incide directamente nos custos do servizo público de depuración. No 2021 o colectivo recolleu unha media de 18.000 quilos de aceite usado ao mes. Desde o inicio da súa actividade, no 2016, a cooperativa multiplicou por 20 o volume de recollida deste residuo doméstico ata alcanzar os 220.000 quilos anuais.

No acto de sinatura do convenio estivo presente, ademais da alcaldesa, a presidenta da asociación, Montserrat Gabarri, entre outras persoas. Inés Rey incidiu no importante labor que desenvolve Mulleres Colleiteiras: “Este colectivo cumpre dúas importantes funcións na sociedade. Por un lado, axuda a mulleres sen recursos a integrarse e, por outro, traballa en solucións para evitar a vertedura irregular de aceite”

Outras colaboracións
Por outra banda, o Concello tamén colabora con Mulleres Colleiteiras a través da Fundación Emalcsa. O ente municipal entregou as chaves da EDAR de Bens e un vehículo a gas para que poidan utilizar a estación de repostaxe piloto habilitada na deputadora. A furgoneta entregada permite a Mulleres Colleiteiras contar cunha mellora significativa no seu proceso de recollida de aceite.