Saturday 16 de November de 2024

A Copa Cidade da Coruña de taekwondo congregou a medio milleiro de deportistas de 44 clubs de toda a Península


O campionato é a porta de acceso ás competicións nacionais e válida para o ránking que permite ir ao Mundial e Europeo da categoría Máster

O Coliseum acolleu este sábado a Copa Cidade da Coruña de taekwondo, unha das probas máis emblemáticas deste deporte en Galicia. Medio milleiro de deportistas, 201 mulleres entre eles, participaron ao longo da xornada nesta apaixonante competición.

Na Coruña estiveron presentes, ademais das/os participantes, 90 técnicos/as, 44 clubs, 38 árbitros e 25 persoas voluntarias. Os equipos procedían de diferentes puntos da Península Ibérica: Galicia, Portugal, Madrid, A Rioxa, Cataluña, Andalucía, Baleares, Asturias, Castela e León e Canarias.

Da Coruña participaron a Escola de Artes Marciais Garrapucho, con 21 participantes; JFR Taekwondo, con 10 participantes; e Dobok, con 31 participantes. Disputáronse no Coliseum combates de todas as categorías existentes no regulamento: Infantil (7 e 8 anos), Precadete (9 e 10 anos), Cadete (11, 12 e 13 anos), Júnior (14, 15 e 16 anos), Sénior (máis de 16 anos) e Máster (máis de 35 anos).

Este campionato serve en Galicia para clasificarse para as diferentes competicións estatais de cada categoría. Tamén é válido para o ránking nacional na categoría Máster, que dá acceso ao Mundial e ao Europeo.

A Copa Cidade da Coruña foi unha xornada de festa para este deporte. Así o destacou a concelleira de Deportes, Mónica Martínez, que estivo presente durante a competición e salientou a alta participación e o gran nivel amosado polos diferentes equipos.