O prazo de presentación de imaxes estará aberto do 16 ao 27 de febreiro
A Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, en colaboración co Concello de Boqueixón, veñen de poñer en marcha a segunda edición do concurso de fotografía dixital ‘Filloarte’. Esta proposta desenvolverase a través da fan page de Facebook da Festa da Filloa de Lestedo (https://www.facebook.com/filloaoficial) e constará de dúas partes. A primeira comprende a remisión de fotografías e a segunda, as votacións.
Así, as persoas interesadas teñen do 16 de febreiro ata as 23.59 horas do 27 de febreiro para remitir ata un máximo de dúas fotografías por participante ao enderezo electrónico festadafilloadelestedo@gmail.com. As bases do certame, que se poden consultar tanto na propia fan page de Facebook como na web do Concello de Boqueixón (www.boqueixon.gal), contemplan como requisitos mínimos que as fotografías inscritas leven dous títulos:
• Título 1: “Filloarte: Filloa de Lestedo 2021”
• Título 2: (o que designe o/a autor/a da fotografía).
O contido e a temática das fotografías recollerá algún dos seguintes aspectos ou momentos: elaboración das filloas, presentacións empratadas de filloa/s, creatividades en base ás filloas, etc. Nas fotos só poden aparecer imaxes da creación, non poden aparecer persoas.
Ademais, no propio correo electrónico, a persoa participante deberá achegar información sobre os seus datos de contacto (nome e apelidos -ou sobrenome – e teléfono), así como un texto resumo onde indique os títulos da/s fotografía/s.
Tras a remisión de todas as imaxes participantes, crearase un álbum fotográfico con todas as propostas. Publicarase o 28 de febreiro e ata as 23:59 euros do día 4 de marzo establecerase un período de votacións.
Premios
A Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, en colaboración co Concello de Boqueixón, establecerá catro premios, dous elixidos por un xurado profesional e outros dous para as imaxes que reciban máis “gústame” en Faceboook. Os premios serán:
• Dous primeiros premios: Vale por valor de 150 euros para canxear por unha noite nunha cabana de María Manuela Enoturismo de Boqueixón.
• Dous segundos premios: Vale por valor de 100 euros para canxear por unha cea no Restaurante O Balado de Boqueixón.
Os premios serán entregados o domingo 6 de marzo, durante a celebración da edición 39 da Festa de Lestedo, festa de interese turístico de Galicia.