Juan Ignacio Borrego sinalou a importancia de seguir traballando xuntos, “mantendo unha comunicación fluida entre as dúas entidades, basada no respecto, a empatía e a obxectividade”
O Salón de Sesións do Pazo Municipal de María Pita acolleu este sábado un acto de homenaxe aos voluntarios da agrupación de Protección Civil que percorreron as rúas e fogares da cidade da Coruña durante as sucesivas vagas da pandemia de Covid-19, asistindo en todo momento á cidadanía e sempre en estreita colaboración coa área de Servizos Sociais da Concellaría de Igualdade, Benestar Social e
Participación.
O concelleiro de Relacións Institucionais, Turismo e Seguridade Cidadá, Juan Ignacio Borrego, e o director da área de Seguridade Cidadá no Concello, Carlos Touriñán, agradeceron o incansable traballo levado a cabo polos voluntarios de Protección Civil nas distintas fases de confinamento e apertura de restriccións, recoñecendo ademais a súa importancia nas tarefas de axuda e concienciación social, razóns polas que o Concello homenaxeou con medallas e diplomas aos voluntarios pola súa labor.
Ao acto asistiu a presidenta da nova xunta directiva da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, Ana María Ares Vilariño, que tomou posesión do cargo a mediados de decembro do ano pasado. Durante a homenaxe, Ares Vilariño estivo acompañada por membros da nova xunta directiva, que xa durante o pasado mes de xaneiro mantiveron un encontro con representantes do Goberno municipal en María Pita coa idea de establecer futuras liñas de colaboración. Neste sentido, o concelleiro Juan Ignacio Borrego sinalou a importancia de seguir traballando xuntos, “mantendo unha comunicación fluida entre as dúas entidades, basada no respecto, a empatía e a obxectividade”.