Hai algún tempo comentabamos que o despregamento das redes de comunicación 4G podía interferir na recepción do sinal da TDT, xa que parte das frecuencias usadas inicialmente pola televisión pasaron estar ocupadas pola telefonía móbil. Agora, co progresivo acendido dos repetidores 5G, en cada zona pode volver ocorrer o mesmo e por iso as operadoras teñen en marcha o servizo de axuda gratuíta Llega700. A entidade contactou hai uns días co Concello para informalo da próxima activación dun nodo que pode anular ou dificultar a recepción dalgunhas canles da televisión dixital terrestre. Quen se vexa no caso só ten que chamar ao 900 833 999 ou enviar un correo a ayuda@llega700.es para que lle envíen á casa un ou unha antenista que solucione o problema totalmente de balde.
Na comunicación remitida ao Concello por Llega700 non se dá unha data concreta, senón que se informa unicamente de que “en datas próximas” se activará un nodo na banda de 700Mhz -os anteriores, os do 4G, eran na de 800Mhz- que permite ofrecer unha mellor cobertura en interiores e un maior alcance.
Segundo sinala Llega700, a rede ofrecerá máis velocidade de conexión a internet sen fíos, ademais de reducir ao mínimo os tempos de (des)carga de servizos de televisión, vídeo e música baixo demanda. Disque a quinta xeración da tecnoloxía de transmisión de datos móbiles -o 5G- poderá chegar no futuro (insistimos, no futuro) a velocidades de ata 1 Gbps.
É case o dobre do largo de banda que ofrece neste momento a fibra de Telefónica no centro urbano de San Sadurniño. Pero, ollo, trátase dunha velocidade teórica que se pode ver reducida por moitos factores malia que, aínda así, será moito máis rápida que o mellor dos 4G.
Porén, volvendo ao que nos ocupa, hai que ter en conta que a activación de novos repetidores na nosa zona pode interferir na recepción dalgunhas canles da TDT, algo que notaremos dun día para outro en forma de imaxes conxeladas, cortes constantes ou, no peor dos casos, deixando de velas por completo.
Quen se atope nesa circunstancia de ver unhas canles si e outras non deberá probar a resintonizar o televisor e se aínda así o problema persiste, entón si, terá que contactar con Llega700 para informar do caso e solicitar axuda gratuíta. Hai que chamar ao 900 833 999 e facelo desde un teléfono fixo para evitar que nos cobren a chamada, xa que os 900 non están incluídos nas tarifas planas de móbil. Outra opción é remitir un correo electrónico a ayuda@llega700.es indicando o enderezo, un teléfono de contacto e unha descrición o máis precisa posible dos fallos que se detectaron na tele.
Unha vez recibida a solicitude, a entidade fará as comprobacións oportunas e se o problema é achacable ao acendido da rede 5G enviará unha persoa ao domicilio da solicitante para que o solucione totalmente de balde.
É importante recordar que Llega700 non cobra nin a man de obra nin o equipamento necesario para que a televisión se volva ver ben trala activación dun repetidor 5G. Neste sentido, a entidade tampouco asumirá reparacións en instalacións que puideran estar en mal estado xa de antes (antenas mal orientadas, cables danados, amplificadores ou repartidores avariados, etc.).
Tamén se debe ter presente que o 5G non interfire nas canles vía satélite nin tampouco nos servizos de streaming como Netflix, Amazon Prime, Disney+, HBO, Filmin, etc. Ah, e tampouco fai falla cambiar o sintonizador de TDT nin moito menos o televisor.
Que compañía vai activar o 5G?
Na carta recibida polo Concello non se fala de ningunha compañía en concreto, aínda que se sobreentende que se trata da posta en marcha dunha rede de Movistar, de Vodafone, de Yoigo ou de Orange por ser estas as únicas con infraestrutura propia da que dependen tanto elas como as demais operadoras virtuais (Amena, Pepephone, Masmovil, etc.)
Segundo os mapas que publica cada operadora, o despregamento do 5G na nosa zona iría encabezado neste momento por Orange, que xa cobre case a totalidade da faixa costeira desde A Coruña ata Ferrol e desde O Val até Cedeira, ademais de todo o centro das Pontes. A seguinte en alcance sería Yoigo, malia que por agora o seu mapa mostra en sombra todo o interior da ría. Vodafone só reflicte no mapa a cobertura 5G da cidade da Coruña e na web de Movistar, pola súa banda, unicamente figuran datos de cobertura da tecnoloxía 4G+.
En calquera caso, sexa a operadora que sexa a que vaia acender agora -tamén pode ser máis de unha-, as demais non han tardar en facer o propio para mellorar a cobertura de acceso móbil á rede con velocidades impensables hai tan só uns anos, algo moi necesario para acabar dunha vez por todas coa fenda tecnolóxica existente entre as grandes cidades e o rural.