Ademais da reparación e instalación de novos fitos en barrios como Catro Camiños, Monelos e Eirís, instalaranse nove cubre-colectores no tramo final para mellorar a imaxe do trazado da vía de peregrinación
O Concello abordará durante este ano unha serie de actuacións en materia de sinalización, iluminación, pavimentación, seguridade e dotación de mobiliario urbano no traxecto do Camiño Inglés que pasa pola cidade, un proxecto que conta co financiamento conxunto do Concello e a Deputación da Coruña.
Este compromiso expón a aposta do Goberno de Inés Rey por revitalizar os enclaves históricos da cidade durante o vixente mandato. O 14 de maio do ano 2020, a corporación municipal da Coruña aprobou por unanimidade a adhesión do Concello á Asociación de Concellos do Camiño Inglés, acordando consignar nos orzamentos municipais a financiación suficiente e adecuada para impulsar actuacións de mellora e posta en valor do traxecto coruñés do Camiño Inglés.
O proxecto técnico abrangue a reparación dos fitos xa existentes, para a súa correctaconservación, en puntos como a Igrexa de Santiago ou as avenidas de Monelos e Montserrat. Tamén a instalación de novos fitos, para reforzar a sinalización en zonas onde actualmente é inexistente, en enclaves como a intersección entre as avenidas Alfonso Molina e Fernández Latorre, así como a rotonda en intersección entre Fernández Latorre, Ramón y Cajal, Enrique Salgado Torres e Alcalde Pérez Ardá.
Por outra banda, o Concello da Coruña prevé acometer a instalación de elementos de sinalización en fachada nas rúas Marqués de Amboage, e as interseccións da avenida de Monelos coas rúas Camiño da Igrexa e Lagarto.