O Concello da Pobra do Caramiñal e a lanzadora de xavelina Lidia Parada formalizaron nesta xornada un contrato de patrocinio onde se vincula a imaxe da deportista coa do municipio, ademais de servir como contribución por parte da Administración local na súa colleita de éxitos, polo que se aporta 4.000 euros.
Nun acto que se desenvolveu no salón de plenos da casa consistorial, a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra), explicou que, entre os obxectivos, atópase a transmisión duns valores positivos inherentes á actividade da atleta, polo que, “por extensión se transmitirá unha imaxe inmellorable, moi positiva, do concello da Pobra do Caramiñal.” A edil salientou a traxectoria da atleta, quen conta na actualidade con 10 títulos de Campioa de España, 4 récords galegos, 4 récords nacionais e máis de 10 participacións en campionatos internacionais, onde acadou diversos resultados.
Agora, ten como obxectivo participar e acadar un bo posto nos Xogos Olímpicos de París 2024 e mentres tanto continuará ampliando a súa traxectoria coa participación en campionatos nacionais e internacionais, que tamén lle serven de preparación e clasificación para un dos grandes eventos deportivos mundiais. A este respecto, Lidia Parada declarou que “poder representar ao concello da Pobra e poder chegar á Olimpíada de París 2024 co seu apoio e dando a súa imaxe faime moi feliz. E, sobre todo, como son adestradora dos peques do club, gustaríame dar ese exemplo.” Concluíu así manifestando que “non fai falta irse a unha gran cidade nin escapar do teu fogar para conseguir un gran resultado e triunfar.”
Finalmente, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), indicou que este patrocinio “é un recoñecemento que o ten gañado con toda xustiza ao longo de todos estes anos”, algo que está avalado polos seus éxitos. O rexedor tamén fixo fincapé no respaldo social co que conta a deportista e indicou que este patrocinio contribuirá a que “o nome da Pobra estea en moitos lugares e vai a dar a coñecer a práctica deportiva no noso municipio.”
Entre as obrigas figuran que a atleta deberá inserir o logotipo da Área dos Deportes do Concello da Pobra do Caramiñal nun lugar visible do equipamento oficial. Participará tamén en actividades municipais deportivas e doutra índole, tales coma competicións, charlas e conferencias, campañas de sensibilización e concienciación social… Ademais, a súa colaboración nunca poderá interromper ou afectar de maneira negativa á súa actividade de adestramentos e competicións. Realizaranse sempre de mutuo acordo, establecendo un mínimo dunha acción mensual ou doce ao longo de todo o 2022.