Durante a función ‘Caleidoscopios’, que será de acceso libre ata completar a capacidade, interpretaranse pezas de Richard Wagner e Omar Thomas, entre outros
A Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) volve este domingo 13 ao Teatro Colón, que acollerá o concerto ‘Caleidoscopios’, o terceiro executado pola agrupación desde comezos de ano.
Durante a función interpretaranse temas de compositores como Richard Wagner, Omar Thomas, Manuel Palau e Chen Yi. Será baixo a batuta do tarraconense Marcel Ortega i Martí, director convidado que dirixirá a Banda Municipal de Música da Coruña por segunda vez na súa carreira. Ortega, que estivo á fronte da Orquestra Sinfónica de Bilbao, a Orquestra Sinfónica de Euskadi e a Orquestra de Cámara de Xenebra, é, desde xaneiro de 2019, o director da Banda Municipal de Castellón.
A sesión, que comezará ás 12.30 horas, será de acceso libre, con entrada de balde ata completar a capacidade.
Ademais, xa hai previsto outro concerto da Banda Municipal de Música da Coruña, taménno Teatro Colón, durante este mes de febreiro. Será o día 27 (12.30 horas), coa sesión ‘Sentimentos sonoros’, baixo a dirección de David Llano.
O cumprimento das pautas e medidas sanitarias contra a Covid-19
Durante a sesión, e en virtude das medidas sanitarias vixentes contra a Covid-19, será obrigatorio o uso de máscaras para os asistentes. Ademais, e en todo momento, tanto na agarda, acceso e estancia dentro do recinto, as usuarias e usuarios deberán seguir as instrucións do persoal.
Por outra banda, non poderán acceder ao evento aquelas persoas con síntomas compatibles coa Covid-19, aquelas diagnosticadas coa enfermidade e as que non finalizasen o período de illamento, así como as personas que se atopen en período de corentena domiciliaria por ter contacto estreito con algunha persoa afectada por síntomas ou diagnosticada da Covid-19