Friday 22 de November de 2024

Inés Rey destaca o apoio municipal para avanzar na integración das persoas que padecen trastorno do espectro autista


A alcaldesa visitou ASPANAES e garantiu a continuidade de medidas como as ‘horas sen ruído’ nas festas ou as zonas para persoas con hipersensibilidade auditiva nas cabalgatas

A alcaldesa Inés Rey visitou esta mañá o centro de educación especial de ASPANAES (Asociación de pais de persoas con trastorno do espectro autista da provincia da Coruña). A rexedora puido comprobar de primeira man o funcionamento deste centro e desta asociación á que o Concello destina 25.000 euros a través dun convenio nominativo para facilitar que leve a cabo o servizo de respiro familiar e apoio a coidadores de persoas con TEA.

No 2021, un total de 52 persoas foron atendidas por ASPANAES e máis de 150 coruñesas e coruñeses beneficiáronse dos seus servizos de maneira indirecta. “Desde o Concello continuamos traballando conxuntamente con todas as asociacións da cidade, escoitando as súas demandas e os seus proxectos para facer desta unha sociedade máis xusta para todos e todas”, apuntou Inés Rey.

A alcaldesa estivo acompañada da concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, Yoya Neira. Na sede da asociación, en Elviña, foron recibidas por Ignacio Labella, presidente de ASPANAES; José Alén, director xerente; e Encarnación Rodríguez, directora. Inés Rey lembrou as diferentes medidas postas en marcha polo seu Goberno destinadas a favorecer a igualdade de oportunidades das persoas que padecen TEA.

O Concello da Coruña creou as ‘Horas sen ruído’. Trátase dunha iniciativa que se aplica naquelas festas da cidade subvencionadas con cartos públicos e que contan con atraccións para todos os públicos. Durante unha ou dúas horas ao día apáganse a música e os sons de ditas estruturas para favorecer o seu uso por persoas con TEA. Por outra banda, nas cabalgatas de Reis e de Entroido implantáronse tramos sen ruído nos primeiros metros de ambos percorridos. Este ano, ademais, creouse na Cabalgata de Reis unha zona reservada para persoas con hipersensibilidade acústica, que se situou a carón do Teatro Colón. Este espazo solicitado por ASPANAES e ASPERGA permitiu a estas persoas gozar do desfile sen aglomeracións.

“O noso obxectivo como Concello é buscar unha mellor inclusión de aquelas persoas que por calquera circunstancia non poida gozar de todas estas actividades de ocio nas mesmas condicións que o resto”, apuntou Inés Rey, que confirmou o mantemento destas medidas durante as próximas celebracións na cidade.