Avanzando na implantación do proxecto de aproveitamento de excedentes agrarios posto en marcha pola Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), impartiranse no municipio dúas novas charlas informativas, nesta ocasión, da man de persoal da Granxa Burbullas de Sol (Vedra). A primeira delas, Pragas e outras lerias das leiras (ecolóxicas), terá lugar no 16 de febreiro; mentres que a segunda, que leva por título Plantas para coida-la horta, será no día 23. Ambas transcorrerán no Auditorio do Museo Valle-Inclán, a partir das 19.00 horas.
Abertas a toda a cidadanía en xeral, é necesaria inscrición previa a través do teléfono de contacto 981843280, marcando a extensión 2035, ou no enderezo electrónico promocion.economica@apobra.gal.
Cómpre lembrar que entre os obxectivos do referido proxecto atópanse poñer en valor a produción agrícola das pequenas explotacións do concello; fomenta-lo consumo de alimentos de calidade e de proximidade (quilómetro 0); xerar actividade económica a partir dos produtos de tempada; dinamiza-lo comercio local, neste caso, a través dunha plataforma dixital; fomenta-la actividade agraria; e promover un estilo de vida saudable e sostible.