— O director do Igape, Fernando Guldrís, subliña, no marco da Feira Vinexpo, que esta é unha das industrias máis dinámicas e internacionalizadas da economía agraria de Galicia, e pon en valor a boa marcha das exportacións galegas
— Lembra que, a falta dos datos de decembro, as vendas ao exterior da Comunidade acadaron valores históricos durante os 11 primeiros meses de 2021, superando xa a barreira dos 23.000 millóns
— Destaca que para mellorar o posicionamento competitivo dos viños galegos no mercado internacional, asinouse o ano pasado un convenio de colaboración cos consellos reguladores das cinco Denominación de Orixe Vitivinícolas e a Denominación de Orixe de Augardentes de Galicia, facilitando a presenza en eventos como Vinexpo
O director do Igape, Fernando Guldrís, resaltou hoxe en París a aposta pola calidade e a internacionalización como claves para a mellora competitiva do sector vitivinícola galego. Guldrís participa na Feira Vinexpo, primeiro gran encontro vinícola internacional do ano que se está a celebrar estes días na capital francesa e que conta cun espazo expositor común aos consellos reguladores galegos posto en marcha coa colaboración da Xunta a través do Igape.
Neste contexto, Guldrís destacou a importancia destas accións para crear sinerxías e promover a internacionalización das bodegas e destilerías galegas. “A vitivinícola é unha das industrias máis dinámicas e internacionalizadas da economía agraria de Galicia”, incidiu o director do Igape, que destacou o incremento das exportacións galegas, tanto no sector agroalimentario como con carácter xeral.
Así, lembrou, á espera dos datos de decembro que se coñecerán esta semana, durante os once primeiros meses do ano pasado as exportacións galegas acadaron valores históricos, superando xa a barreira dos 23.000 millóns. Un escenario ao que teñen contribuído os viños e bebidas alcohólicas, cun crecemento das exportacións do 18% no período ata acadar os 251 millóns de euros.
Neste contexto, afondou Guldrís, a cooperación configúrase como unha das claves para afrontar os retos da internacionalización en mercados cada vez máis globais. E precisamente para mellorar o posicionamento competitivo dos viños galegos no mercado internacional, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Igape, asinou o ano pasado un convenio de colaboración cos consellos reguladores das cinco Denominación de Orixe Vitivinícolas galegas e a Denominación de Orixe de Augardentes de Galicia.
Este convenio inclúe, entre outros conceptos, o apoio para a presenza conxunta de viño galego en eventos internacionais, como é o caso da Feira Vinexpo, ou as accións de formación en materia de estratexia, de xestión e de comercialización vitivinícola con enfoque de internacionalización.