Dirixida a nenos/as en idade escolar, terá lugar o 28 de febreiro e o 2 de marzo, de 9:00 a 14:00 horas
O Concello de Boqueixón vén de abrir o prazo de inscrición en “Entroido en igualdade. O mundo ao revés”, unha actividade gratuíta de conciliación familiar que terá lugar no CPI Antonio Orza Couto o 28 de febreiro e o 2 de marzo, en horario de 9:00 a 14:00 horas.
Esta iniciativa está dirixida a nenos/as en idade escolar, de 3 a 12 anos. O número de prazas é limitado, polo que as inscricións poden formalizarse de forma gratuíta no Departamento de Cultura (981 513 061) ou enviando un e-mail a cim@boqueixon.com.
Roles de xénero
“Entroido en igualdade. O mundo ao revés” é unha actividade de conciliación familiar organizada polo Concello de Boqueixón en colaboración co Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e o Ministerio de Igualdade. Esta iniciativa utiliza xogos de rol, improvisación e customización de disfraces para que os nenos e nenas participantes consigan desmitificar os disfraces asignados aos roles de xénero.
Así, durante o luns 28 de febreiro, introducirán á cativada na temática a través do xogo con perspectiva de xénero, procedendo á creación dos disfraces e a interpretación dos roles. O mércores 2 de marzo, xa que o martes 1 é festivo local, os nenos e nenas procederán a customizar os disfraces cunha reasignación dos roles de xénero. O obxectivo é que a rapazada consiga darlle a volta ás historias tradicionais e sexa quen de asignarlle diferentes características ás personaxes seleccionadas.