Friday 22 de November de 2024

O Concello de Lousame obtivo un remanente de tesourería de 341.000 euros en 2014


O pleno aproba reclamarlle o aval de 41.671 euros a Aldasa SLU por deficiencias na execución do vial de enlace entre a DP-4201 e a DP-1105

O Concello de Lousame obtivo un remanente de tesourería de 341.016,36 euros no exercicio 2014. Así o comunicou a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, durante o pleno ordinario de marzo, no que deu conta da liquidación do orzamento de 2014. Villaverde amosouse moi satisfeita con este resultado económico, froito da boa xestión económica que se está a realizar no Concello de Lousame.

O pleno municipal comezou cun minuto de silencio en memoria dos falecidos no accidente aéreo do pasado martes e repetiu as mesmas votacións en todos os seus puntos, que foron aprobados cos sete votos a favor do Grupo de Goberno e as dúas abstencións dos concelleiros do PSOE e Compromiso por Galicia. Así, o pleno municipal acordou reclamarlle o aval de 41.671 presentado pola empresa Aldasa SLU por deficiencias na execución do vial de enlace entre a DP-4201 e a DP-1105.

Teresa Villaverde explicou que “fixemos unha valoración das deficiencias na execución desta obra e, tras intentar reclamarlle á empresa que as arranxara, finalmente optamos por declarar a resolución do contrato e executar as obras de reparación subsidiariamente utilizando os 41.671 euros presentados como aval”. A alcaldesa explicou que o orzamento para executar eses traballos supera en 4.000 euros o aval depositado pola empresa, polo que “intentaremos conseguir eses cartos por todos os medios, incluso o xudicial”, xa que estas obras, adxudicadas en novembro de 2010, contan cun prazo de 5 anos de garantía. “Descoñecemos a situación da empresa, pero non podemos deixar que venzan os 5 anos de garantía”, explicou Villaverde, quen indicou que “pediremos ao avalista que ingrese na Conta do Concello de Lousame o aval canto antes”.

Fontefría e Bargo

Seguindo con estradas, a alcaldesa de Lousame anunciou que vén de aprobar un investimento de 46.663 euros para a pavimentación de vías públicas en Fontefría, onde hai problemas de desbordamento de auga, e en Bargo. Ademais, indicou que se está a rematar o procedemento para a contratación de 2 prazas de xerocultores e que xa se pediron dous socorristas á Deputación da Coruña.

No resto da sesión plenaria, o pleno aprobou dúas modificacións de crédito para incluír o convenio asinado coa Vicepresidencia da Xunta para as actuacións de mellora no Bosque do Neno e pola adhesión ao Plan de Aforro e Investimentos da Deputación, aprobado na sesión anterior. Así mesmo, aprobouse unha operación de Tesourería por 300.000 euros para, se fose preciso, poder adiantar os cartos precisos para acceder a calquera subvención que se consiga nos próximos meses.