Friday 22 de November de 2024

A Policía local pobrense refórzase con catro novos axentes


O cadro de persoal da Policía local da Pobra do Caramiñal vén de incrementarse coa incorporación de catro novos axentes: un deles intégrase no corpo da localidade mediante o coñecido proceso de mobilidade ao solicitar o municipio como destino ao que trasladarse; mentres que os outros tres chegan tras supera-la súa formación na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP). Cómpre lembrar que estes últimos xa realizaron previamente as súas correspondentes prácticas no termo municipal nos períodos do día 10 de xullo ata o día 5 de setembro de 2021 e dende 23 de decembro de 2021 ata 31 de xaneiro de 2022.

Deste xeito, o cadro de persoal pasa a estar conformado por 10 policías.

Na xornada deste 10 de xaneiro efectuouse a toma de posesión dos novos axentes nun acto que se desenvolveu no salón de plenos e que contou coa asistencia de membros da corporación municipal, do mencionado corpo policial e tamén representantes da Garda Civil e da Protección Civil.

O alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), puxo en valor o traballo destes profesionais e manifestou que se seguirá traballando no reforzo dos recursos, tanto materiais coma humanos, deste corpo policial, poñendo como exemplo a reforma das dependencias efectuada a finais do 2019. Agradeceu, así mesmo, o traballo da Garda Civil e da Protección Civil e cualificou a xornada de hoxe de “histórica” coa entrada dos catro novos axentes.

Pola súa parte, o concelleiro da Seguridade, José Andrés Lojo (Nós Pobra), fixo lectura dun documento datado de 1911 onde se deixa constancia do nomeamento dun axente na localidade e destacou que, 111 anos despois, “é a primeira vez que temos dúas compañeiras, dúas mulleres no corpo.” Apuntou, ademais, que a fórmula dun bo policía é “coñecementos máis habilidade multiplicado por actitude” e fixo un alegato á unidade.

A este respecto tamén se referiu o xefe da Policía local, José Manuel Cameán, quen salientou a valía profesional e boa relación coa veciñanza e declarou que a incorporación de dúas mulleres supón “un paso moi importante na igualdade e que veña para quedar.”