Saturday 16 de November de 2024

A Xunta adxudica a redacción do proxecto de reforma da área de urxencias do Hospital de Cee que contarán cun investimento de preto de 400.000€


― A UTE “Alba Riguera-Carlos Romero” será a encargada da redacción do proxecto básico de execución e dirección desta obra que conta cun orzamento de máis de 26.000 euros

― As novas urxencias contarán cun circuito específico permanente e independente para a atención e illamento diferenciado dos pacientes con patoloxías respiratorias, incorporando un novo control de enfermería para ese dobre circuito

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, vistou o hospital Virxe da Xunqueira de Cee para anunciar a adxudicación da contración do servizo de redacción do proxecto básico de execución e dirección de obra da reforma da área de urxencias, para o que se estima un investimento, entre obra e equipamento, de 400.000 euros. A UTE “Alba Riguera-Carlos Romero” será a encargada de levar a cabo a elaboración deste proxecto para posteriormente proceder a licitación das obras. A redacción do proxecto conta cun orzamento de máis de 26.000 euros

 

Tal e como detallou Trenor, as novas urxencias contarán cun circuíto específico permanente e independente para a atención e illamento diferenciado dos pacientes con patoloxías respiratorias, incorporando un novo control de enfermería para ese dobre circuíto. Ademais, as novas dependenciais engadirán aos actuais sete boxes de observacións e ao único existente para pacientes illados outros 5 boxes todos eles preparados para pacientes illados. Xunto ao anteriormente sinalado, o delegaado remarcou que incorporarán unha nova sala de traballo médico e unha nova de traballo de enfermería.
O delegado da Xunta referiuse tamén a outras actuacións levadas a cabo recentemente neste centro como a posta en marcha no Servizo de Oftalmoloxía deste hospital, das consultas de retina médica e dos tratamentos intravitreos que afectan á retina que está dispoñible todos os martes e os xoves en horario de tarde.

En consecuencia, “o hospital de Cee conta cunha unidade de retina que ofrece as ferramentas e tratamentos máis avanzados para atender patoloxías como a dexeneración macular asociada á idade; as oclusións venosas na retina ou os edemas maculares diabéticos”. Deste xeito, gañouse autonomía en consultas, probas e tratamentos que ata o de agora obrigaban aos pacientes a acudir ao Hospital da Coruña.

Trenor tamén lembrou que recentemente dotouse tamén a este hospital dun novo equipo radiocirúrxico, que supuxo un investimento de 90.000 euros.

Con esta reforma, a Xunta de Galicia está a culminar a renovación integral da totalidade dos hospitais comarcais galegos e demostra que o Executivo galego cre neles e aposta por aumentar a súa capacidade e os seus medios para ofrecer una servicio sanitario de maior calidade e o máis próximo posible aos cidadáns.