Na sesión explicarase o ciclo reprodutivo da especie e verase a maneira de fabricar trampas selectivas caseiras, que han de colocarse neste momento nas proximidades de onde se detectaron colonias o ano pasado
A charla desenvolverase na nave do Mercado de San Ramón a partir das 12:00h con entrada libre. Desde o consistorio lémbrase a obriga de utilizar máscara e de non acudir no caso de que se teña algún síntoma coincidente cos da COVID-19
Estamos tendo un inverno atípico, con temperaturas medias máis elevadas do que sería normal nesta época do ano e, por agora, máis días enxoitos que de auga. Se estas condicións se manteñen, cabe agardar que se adiante o espertar das raíñas de velutina do seu letargo. En previsión de que iso ocorra débese empezar xa coa campaña de trampeo de primavera, co obxectivo de capturar o maior número posible de fundadoras e rebaixar así o número de colonias que asexen as colmeas no verán e as froiteiras no outono, ademais de previr ataques accidentais preto das casas ou cando se estean facendo labores agrícolas ou forestais. Para falar dos métodos de loita contra a Vespa velutina nigrithorax, o Concello organiza este sábado ás 12:00h na nave do Mercado unha charla na que se explicará o ciclo reprodutivo desta especie invasora, como facer un trampeo efectivo -e selectivo- e como actuar no caso de que máis adiante atopemos un niño embrionario, primario ou secundario.
Da primeira parte da sesión encargarase Vanesa López Basanta, que é veciña de Moeche, técnica ambiental, abelleira e promotora en Balocos da iniciativa Abellariza Apicultura. Ela explicará como diferenzar a velutina das avespas autóctonas -e doutros insectos beneficiosos- e tamén cal é o ciclo anual da especie, que reinicia a súa actividade neste tempo coa saída dos seus tobos das raíñas fundadoras de novas colonias. Nun primeiro momento as raíñas fecundadas antes do letargo invernal construirán un niño embrionario onde criarán a primeira xeración de obreiras. O intre en que se encontran fabricando ese niño -algo máis pequeno ca un puño- é o máis crítico para elas: están soas traballando e teñen a obriga de facerlles casa ás larvas o antes posible. De aí que se se captura unha raíña neste tempo, acabouse, xa non hai posibilidade de que a nova familia prospere e no futuro haberá un problema menos do que preocuparse.
O habitual é que as raíñas se movan nas proximidades de onde houbo niños a temporada pasada e que empecen a criar en lugares abrigosos, como son cabanas, cortes e debaixo de uralitas. Por iso os trampeos deben concentrarse nesas zonas e, sobre todo, nos arredores das árbores e arbustos de floración temperá onde se alimentan, nomeadamente camelias e outras especies con flor vermella ou de cores vivas.
As trampas máis axeitadas son as que se fabrican con botellas de plástico onde logo se bota unha mestura atraente. Hai múltiples fórmulas caseiras moi efectivas: levadura disolta en auga, cervexa con algún licor aromático, viño tinto mesturado con auga azucrada, etc.
É importante, iso si, que as trampas sexan selectivas, de maneira que cumpran a función de capturar velutinas pero tamén a de facilitar a saída doutros insectos necesarios para o ecosistema. É fundamental, ademais, renovar o atraente cada 20 ou 25 días e procurar que as trampas estean situadas nun lugar soleado e a uns 2 metros de altura.
Na charla explicarase como confeccionar trampas e onde colocalas, para o que Vanesa López contará con apoio de Moisés García, bombeiro de profesión e novo concelleiro da Corporación municipal. García tomou posesión no pleno da semana pasada en substitución de Juan Carlos Rodríguez e prevese que nos próximos días asuma responsabilidades nas áreas de Deportes e Participación veciñal.
Tamén se tratará a maneira de proceder no caso de que máis adiante se descubra un niño primario (o que constrúe a raíña con axuda dun pequeno exército de obreiras, de tamaño similar a un balón de fútbol) ou un niño secundario (o definitivo, que pode superar o metro de envergadura). Moeche adheriuse ao protocolo autonómico de contención da velutina e, neste sentido, se se bate cun niño nun lugar que supoña un perigo haberá que chamar ao 012 (ou ao 981 900 643 para evitar cargos na factura do móbil) para que os servizos autonómicos acudan retiralo ou neutralizalo.
Ademais, se se van facer traballos en zonas con maleza ou montes débese facer unha inspección previa do chan e do bico das árbores. Se ben as velutinas non son unha especie moito máis agresiva que calquera outro tipo de avespa, si supoñen un grande perigo no caso de que se esnaquice un niño accidentalmente ou se vaia remexer a el sen protección adecuada.
A charla na que se tratarán todas estas cuestións arredor da avespa asiática desenvolverase este sábado 19 de febreiro a partir das 12:00h na nave do Mercado de San Ramón. Non fai falla inscrición previa, aínda que desde o Concello se recorda a obriga de usar mascarilla e de non asistir se se teñen síntomas coincidentes cos da COVID-19.