Friday 22 de November de 2024

Abre o prazo de inscrición para participar no programa Idiomas do Mundo, con 60 estadías dun mes no estranxeiro para aprender idiomas


Durante o vindeiro verán, estudantes coruñeses en primeiro ano do Bacharelato terán a oportunidade de realizar actividades de inmersión lingüística en países como Irlanda, Francia ou Alemaña

O Concello da Coruña, a través da Concellaría de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego que dirixe Jesús Celemín, abrirá mañá, xoves 10 de febreiro, o prazo de inscrición para a solicitude de prazas no programa educativo Idiomas do Mundo 2022, que ofrecerá ao estudantado coruñés en primeiro ano de Bacharelato a oportunidade de realizar unha actividade de inmersión lingüística durante este verán.

O programa Idiomas do Mundo, en compás de agarda durante as dúas últimas edicións por razóns de prevención sanitaria no contexto da pandemia, retómase este ano con 60 prazas para estadías de catro semanas, preferentemente durante o vindeiro mes de xullo, en países da Unión Europea. As prazas para os beneficiarios serán distribuidas entre países de lingua inglesa (Irlanda: 37 prazas), francesa (Francia: 10 prazas), portuguesa (Portugal: 10 prazas) e alemá (Alemaña ou Austria: 3 prazas).

Un orzamento superior aos 133.000 euros e dous tipos de bolsas para as estadías
O Concello da Coruña destinará un total de 133.740 euros ao programa Idiomas do Mundo na edición deste ano, que contempla dous tipos de bolsas: a total (os beneficiarios serán as persoas seleccionadas que non superen os 9.000 euros anuais de renda per cápita); e a parcial (o Concello asume un máximo do 95 % e un mínimo do 5 % do custo total das prazas do alumnado seleccionado que supere os 9.000 euros anuais per cápita; as porcentaxes que correspondería aboar ás familias variarán, pois, en función da renda per cápita).

O programa inclúe prestacións como a viaxe e desprazamentos de ida e volta desde A Coruña até o destino asignado a cada alumna ou alumno; a estancia no país de destino durante o período correspondente á estadía, vivindo en familia en réxime de pensión completa; clases intensivas do idioma correspondente no país de destino durante un mínimo de 15 horas semanais entre luns e venres (agás festivos); o material escolar para as clases; un mínimo de tres actividades culturais e lúdicas por semana; a realización da proba oficial e certificado oficial acreditativos do nivel acadado en base ao Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (MCERL); e, ademais, un seguro de responsabilidade civil
para as persoas participantes.

Cales son os principais requisitos para optar a unha praza?
Será imprescindible que a candidata ou candidato estén empadroados no Concello da Coruña xunto á súa nai, pai ou representante legal. Ademais, no momento da inscrición deberán estar cursando, no réxime xeral, o primeiro ano de Bacharelato correspondente ao curso 2021-22 nun centro escolar da cidade da Coruña.

O prazo de presentación da documentación requerida será de 15 días naturais a contar desde o día seguinte da publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP) —este mércores, 9 de febreiro—. Así, o alumnado que desexe participar no programa deberá inscribirse en liña, a partir de mañá, xoves 10 de febreiro, a través da web municipal www.coruna.gal/educacion e na ficha específica Idiomas do Mundo 2022.

Unha vez efectuada a inscrición, o sistema emite un xustificante de confirmación que se debe imprimir. Dito xustificante ten un número de asignación que será o de referencia para cada expediente durante o proceso.