Nos vindeiros meses poranse en marcha 18 obradoiros en 42 concellos na provincia da Coruña, que contarán cun investimento de 3,26 millóns de euros e beneficiarán a preto de 370 persoas
A Consellería de Traballo e Benestar destinará á comarca de Fisterra un total de 177.668 euros para desenvolver o obradoiro de emprego que levarán a cabo de xeito conxunto os concellos de Fisterra, Cee e Corcubión, que beneficiará a 20 persoas sen emprego. Trátase da avaliación realizada pola comisión de valoración do departamento autonómico, xa que a resolución definitiva realizarase nos vindeiros días.
Por segundo ano consecutivo, estes tres concellos levarán a cabo esta iniciativa mixta de formación e emprego. Nas próximas semanas, por tanto, daráselle continuidade ao obradoiro “Camiño do Solpor”, que nos últimos meses serviu para acondicionar zonas verdes e xardíns destes municipios así como para o deseño dunha páxina web para promocionar a ruta xacobea Santiago-Fisterra.
Estas actuación, ademais de promover a colaboración entre os concellos, apostan pola eficiencia e a optimización do investimento público e ofrecen aos seus participantes unha formación de calidade, xa que os alumnos, unha vez rematados os obradoiros, reciben un certificado de profesionalidade de validez para todo o territorio nacional.
Nas vindeira semanas, poranse en marcha na provincia da Coruña un total de 18 obradoiros de emprego en 42 concellos, que contarán cun investimento de máis de 3,26 millóns de euros, dos que se beneficiarán 367 alumnos e alumnas. En toda Galicia, este programa acadará o medio cento de iniciativas, chegando aos 10,2 millóns de euros de orzamento.
Ademais, este ano o departamento autonómico convocou por primeira vez unha orde, que se resolverá proximamente, para menores de 25 anos, incluída dentro do novo programa de Garantía Xuvenil, que conta cun orzamento de 4,7 millóns de euros. Así pois, Traballo investirá arredor de 15 millóns de euros na posta en marcha de 70 obradoiros ao longo do presente ano, que terán 2.000 beneficiarios.