A alcaldesa visitou as súas instalacións e comprometeuse a reforzar o apoio municipal a esta entidade social
A alcaldesa Inés Rey visitou este mércores as instalacións da Asociación de Bulimia e Anorexia da Coruña. A rexedora puido coñecer de primeira man o labor desenvolvido por esta entidade social presidida por Manuela Naya e dirixida por Fátima Pérez. Estivo acompañada da concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, Yoya Neira.
A alcaldesa destacou o importante labor que fai esta entidade. O Concello ten un convenio nominativo coa ABAC por importe de 12.000 euros que permite, entre outras cuestións, o financiamento dun programa de inserción social e un tratamento específico para as persoas que padecen bulimia e anorexia. “As administracións temos que poñer o foco nas enfermidades derivadas da saúde mental e coñecer de primeira man como están a vivir esta etapa da pandemia as persoas con trastornos alimenticios”, apuntou Inés Rey.
Inés Rey puido coñecer de primeira man o funcionamento do comedor terapéutico, que ofrece a entidade no seu centro de día. O comedor ten un horario de 12.30 a 18.30 h en inverno e de 12.00 a 18.00 horas en verán e no último ano atendeu unha media de 12 pacientes ao mes e deu un total de 180 comidas.
Por outra banda, a entidade conta con outro tipo de terapias e servizos, como obradoiros de reeducación, terapia ocupacional, obradoiros de cociña ou grupos psicoeducativos. ABAC, fundada en 1996, ofrece estes servizos na súa sede da rúa Petunias, nun local cedido polo Concello. Trátase da única entidade do terceiro sector que xestiona un comedor terapéutico para pacientes con trastorno da conduta alimentaria na Coruña.
Inés Rey comprometeuse coas responsables de ABAC a reforzar a achega que o Concello realiza á entidade, á vez que salientou o traballo que realizan a diario. “Temos a obriga de traballar da man coas asociacións para cubrir as súas necesidades”, dixo a rexedora. A alcaldesa tamén destacou o labor do servizo municipal de Servizos Sociais, que asumiu unha gran carga de traballo e unha maior demanda debido á pandemia e seguiu durante todo momento mantendo un diálogo constante con todas as entidades da cidade.