O executivo da Pobra do Caramiñal deu conta hoxe da proposta do conxunto de actuacións a enmarcar no Plan Único (POS+2022) da Deputación da Coruña, que se someterá no pleno do 9 de febreiro. Segundo explicou a concelleira da Facenda, Charo Varela (Nós Pobra), a contía asignada ao Concello pobrense sitúase nos 254.995’05 euros, dos cales 164.531’60 euros destinaranse ao financiamento de gastos correntes; 12.339’87 euros para a redución da débeda con entidades financeiras; e 78.123’58 euros a investimentos financeiramente sostibles -cantidade que se completará con 18.591’56 euros proporcionados pola Administración local-.
No que respecta a isto último, o alcalde, Xosé Lois Piñeiro (Nós Pobra), destacou os proxectos adscritos: a dotación de pluviais e pavimentación na Figueira, por 48.341’41 euros, así como a pavimentación, mellora da accesibilidade e sinalización das rúas Manuel Murguía, Alexandre Bóveda e Rafael Dieste, por 48.373’73 euros.
Así mesmo, participarase no Plan Complementario mediante o acondicionamento da contorna do cruceiro de Abuín e coa terceira fase da reforma integral do Camiño Real por un valor que ascende aos 146.893’35 euros. A edil das Relacións Institucionais, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), focalizouse no que suporá a intervención na zona do mencionado cruceiro, situado no rural e que se traducirá na humanización e mellora da seguridade arredor do elemento patrimonial por un importe de 41.420’67 euros: ampliación da estrada, colocación de adoquíns, dotación de bancos e zona verde. Pola súa parte, o rexedor centrouse no relativo ao Camiño Real por 105.472’68 euros: a pavimentación e a colocación de dous bombeos na zona do Conchido, para canaliza-lo saneamento á depuradora da Pobra e separalo así do de Boiro, ao cal está actualmente conectado.
Doutra banda, a concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo (BNG), indicou que a achega provincial de 57.586’06 euros do apartado específico vinculado aos gastos sociais se complementará con 15.691’94 euros procedentes das arcas municipais para financia-la continuidade do alugueiro e mantemento da vivenda de emerxencia social (contía total de 9.600 euros); axudas de emerxencia ás persoas soas ou familias en risco de exclusión social destinadas a asegurar unha correcta alimentación (30.000 euros); e o funcionamento do comedor sobre rodas (33.678 euros). Trátanse dunha serie de accións xa postas en marcha para mellora-la calidade de vida da veciñanza máis vulnerable.