Friday 22 de November de 2024

A Xunta ofrece axudas de ata 10.000 euros aos tecedores para garantir o equilibrio dos hábitats cinexéticos


— A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publicou o pasado venres no Diario Oficial de Galicia esta orde, dotada dun orzamento de 200.000 euros

— Entre as actuacións subvencionables están a realización de traballos de roza e trituración mecánica do mato e a construción de tobeiras artificiais

— As solicitudes só se poderán presentar de xeito telemático ata o 4 de marzo

A Xunta vén de convocar as axudas dirixidas aos titulares de terreos cinexéticamente ordenados (tecor) de Galicia, que poderán acceder a incentivos de ata 10.000 euros para levar a cabo actuacións que garantan o equilibrio destes hábitats. O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado venres a Orde, que recolle un orzamento global de 200.000 euros.

Esta liña de incentivos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda tamén está dirixida ás agrupacións de tecores -que carecendo de personalidade xurídica- presenten unha solicitude conxunta, para realizar actuacións de mellora de hábitats cinexéticos mediante a roza e trituración mecánica do mato, gradadura, a emenda e/ou fertilización e sementeira de cereal e/ou leguminosas -liña á que se destina un orzamento global de 125.000 euros-. A segunda liña de actuacións é a construción de tobeiras artificiais en terreos cinexéticamente ordenados, sempre e cando non afecten a hábitats prioritarios -a orde fixa un investimento total de 75.000 euros-.

A axuda poderá acadar o 100% da actuación subvencionable, pero fíxase un máximo de 10.000 euros para as actuacións de roza e trituración e de 6.000, no caso de construción de tobeiras. En canto ás solicitudes, o prazo de presentación xa está aberto -ata o 4 de marzo- e será obrigatorio presentalas de xeito telemático.

Apoio a Asaga
De feito, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, adiantoulle o contido desta orde aos membros da Asociación agraria galega (Asaga) cos que mantivo unha reunión nos últimos días.

No encontro, a conselleira tamén lle trasladou o apoio técnico da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para identificar as zonas nas que levar a cabo accións para o control das poboacións cinexéticas, e fixar os puntos estratéxicos que potencien os efectos das mesmas.