O CIME (Coruña Innovación e Mellora Empresarial) oferta un total de 140 prazas. Os beneficiarios contarán coa orientación dun experto en áreas como medio ambiente, modelo de negocio ou novas tecnoloxías
O Goberno municipal reforza a súa axuda ao tecido empresarial da cidade da Coruña coa posta en marcha dun novo programa de consultoría e asesoramento, o CIME (Coruña Innovación e Mellora Empresarial).
O CIME, impulsado desde a Concellaría de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, que dirixe o concelleiro Jesús Celemín, está dirixido aos autónomos e tamén a microempresas que, independentemente do sector no que leven a cabo a súa actividade, desexen impulsar a innovación en áreas como servizo ou produto, márketing, medio ambiente, modelo de negocio e tecnoloxía.
O prazo de solicitude para inscribirse no programa, que oferta un total de 140 prazas, xa está aberto. O principal requisito de acceso é que a persoa ou empresa candidata debe ter un establecemento permanente ou o seu domicilio fiscal na cidade da Coruña.
Os participantes no programa CIME contarán co apoio e a orientación dunha persoa experta que os asesorará no diagnóstico, planificación e execución das innovacións proxectadas pola persoa ou empresa beneficiaria. Ademais, como peche do programa, o Concello da Coruña entregará tres premios consistentes nun paquete de horas de consultoría, polo que o proceso de orientación poderíase prolongar máis no tempo.
A inscrición pódese facer a través da páxina web https://cimecoruna.gal. Pódese tamén solicitar información adicional a través do e-mail cime@coruna.gal.