Friday 22 de November de 2024

O Concello colabora na elaboración dun directorio de expertas da UDC para fomentar a presenza feminina nos medios de comunicación


O obxectivo do UDCientíficas é fomentar a presenza das mulleres nos medios e dar a coñecer o talento investigador que hai na Coruña

O Concello da Coruña colabora coa Universidade da Coruña na elaboración do directorio de expertas UDCientíficas, un proxecto do Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXEF) da Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Deportes da UDC. A concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, Yoya Neira, estivo presente esta mañá na presentación desta iniciativa enmarcada no convenio entre a UDC e o Concello titulado ‘Investigación sobre as desigualdades e diversidades que desemboca en colectivos sociais marcados polas características especiais de vulnerabilidade e precariedade, con especial atención á incidencia da violencia contra as mulleres’, asinado o pasado mes de outubro de 2021. O convenio inclúe sete liñas de actuación e unha achega económica de 490.000 euros por parte do Concello.

O obxectivo desta iniciativa é fomentar a presenza das mulleres nos medios de comunicación como fontes expertas e dar a coñecer o talento investigador que hai actualmente na Coruña e en institucións como a UDC. “A colaboración do Concello neste tipo de iniciativas amosa o compromiso da nosa alcaldesa Inés Rey coa igualdade e a presenza das mulleres nos distintos ámbitos profesionais”, sinalou Yoya Neira.

O directorio UDCientíficas xorde dos resultados dun proxecto de investigación coordinado pola directora do CEXEF, Teresa Piñeiro, no que participaron diversas profesoras da universidade e que afondaba nas percepcións, crenzas e actitudes das/os profesionais do xornalismo con respecto á violencia simbólica nos medios. Mediante este directorio búscase facilitarlle a profesionais do xornalismo e outros sectores como o dos eventos de divulgación científica a procura de expertas en diferentes eidos do coñecemento.

“O papel da muller na universidade, na investigación e na sociedade en xeral evolucionou moito grazas ás políticas progresistas que se están a desenvolver desde as distintas administracións públicas como é o caso do Concello da Coruña e a UDC”, explicou Yoya Neira. A presenza das mulleres en medios de comunicación como fontes de información experta aumentou ata o 34 % fronte ao 9 % do anterior dato recollido polo Informe Científicas en Cifra, do Observatorio Mujeres, Ciencia e Innovación. “Estes datos indícannos que estamos na boa senda e temos que seguir impulsando políticas de igualdade de xénero como facemos no Goberno municipal de Inés Rey”, apuntou Neira.

Grazas á colaboración do Concello, este directorio conta cunha maior calidade, o que lles facilitará aos medios atopar a experta que precisa, grazas á segregación en torno a áreas de coñecemento e a unha completa base de datos con toda a información de interese sobre estas mulleres. Na actualidade, o directorio conta con máis de 150 expertas rexistradas, de diversas áreas e perfís. Tanto o Concello como a UDC esperan que esa cifra continúe medrando grazas aos avances postos en marcha e que permiten que, unha vez activa, a plataforma sexa máis operativa e profesional.