Friday 22 de November de 2024

O pavillón, o ximnasio, o CPI e o campo de fútbol de San Sadurniño, novos espazos cardioprotexidos


O pavillón municipal, o ximnasio, o CPI e o campo de fútbol de Currás contan desde hai uns días con desfibriladores para a recuperación de paradas cardíacas. O Concello de San Sadurniño mercou dous destes equipamentos portátiles cos que se pretende ter preparadas as instalacións deportivas municipais ante posibles casos que requiran unha reanimación inmediata antes da chegada da atención médica especializada. O investimento en ambos dispositivos foi de algo máis de 2.600 euros. O responsable do ximnasio municipal e membros do Aldebarán, do CF San Sadurniño e da Escola de fútbol Irmandiños xa recibiron formación sobre como manexalos e sobre como facer correctamente as manobras RCP que cómpre poñer en práctica de maneira combinada coa súa utilización. Proximamente tamén se lle dará un pequeno curso á UDC Naraío e a persoal vencellado ao colexio, insistindo en que o emprego dos desfibriladores é a última opción á que se debe recorrer, xa que ante unha emerxencia médica o primeiro sempre é chamar ao 061.

O uso dos desfibriladores portátiles só está aconsellado cando a persoa non respira nin responde a estímulos externos e, en calquera caso, é unha medida para ganar minutos vitais mentres non se recibe atención médica especializada. De feito, chamar ás urxencias sanitarias é o primeiro que se debe facer, ademais de manter a calma e prestarlle atención ao que nos vaia dicindo o aparello.

O modelo de desfibrilador instalado polo Concello no campo de fútbol e no corredor do pavillón -a medio camiño entre a cancha e o ximnasio- é un CU-SP1, o máis implantado en recintos deportivos pola súa sinxeleza de uso e mantemento.

De ser necesario, abondará con seleccionar o modo adulto ou o pediátrico -para usalo con rapazada menor de 8 anos ou menos de 25 quilos de peso-, acender o dispositivo e colocar as almofadas de descarga segundo se indica nas instrucións. É o propio equipo quen analiza o ritmo cardíaco e quen decide se cómpre ou non efectuar unha descarga, momento no que haberá que separarse do pacente e premer o botón.

O dispositivo conta con mensaxes de voz que indican o que se debe facer a cada paso, ademais de marcar os ciclos e o ritmo das manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP) e da ventilación respiratoria, mentres segue monitorizando o estado da persoa en parada.

A razón de dotar o pavillón (situado ao carón do CPI) e o campo de fútbol con cadanseu aparello responde ao obxectivo municipal de que as instalacións deportivas, o colexio e incluso a área recreativa da piscina estean preparadas ante calquera eventualidade que requira o seu uso, por ser nelas onde se concentra un maior número de persoas facendo actividade física.

Na merca deste equipamento investíronse 2.620 euros, IVE incluído. No intre de recepcionalo, a empresa subministradora ofreceulle formación sobre o seu manexo ao técnico municipal de Deportes, así como a persoas vinculadas ao Aldebarán de volei, o CF San Sadurniño e a Escola de fútbol Irmandiños.

Proximamente organizaranse novas sesións para o conserxe e profesorado do CPI, ademais de convocar ao curso a outro persoal municipal e outras entidades deportivas do concello.