Será o terceiro concerto do ano dentro da programación prevista no Ciclo de Música de Cámara que impulsa a Sociedade Filarmónica da Coruña
Este martes, 8 de febreiro, o Teatro Rosalía de Castro da continuidade ao Ciclo de Música de Cámara 2021-22 impulsado pola Sociedade Filarmónica da Coruña, co segundo concerto da programación prevista no ciclo para este primeiro trimestre do ano. Os pianistas franceses David Salmon y Manuel Vieillard, coñecidos como o Geister Duo, interpretarán pezas dos compositores Johannes Brahms e Antonín Dvořák.
O Geister Duo é considerado como un dos duetos de piano máis talentosos da súa xeración. Resultou gañador do segundo premio na International Schubert Competition celebrada no ano 2019 na República Checa, así como o primeiro premio na ARD International Music Competition de Múnich (Alemaña), xa o ano pasado.
As entradas para asistir ao espectáculo, que comezará ás 20.00 horas, xa están á venda e dispoñibles a través da páxina web de Ataquilla.com e tamén no despacho de billetes central do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) da praza de Ourense (de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas), cun prezo de 20 euros para o público xeral e de 5 euros para as persoas menores de 25 anos. Os pases tamén poderán adquirirse o martes 8, día da actuación, nos despachos de billetes do Teatro Rosalía de Castro (de 16.00 a 20.00 horas), sempre que haxa entradas dispoñibles.
O cumprimento das pautas e medidas sanitarias contra a Covid-19
Durante a sesión, e en virtude das medidas sanitarias vixentes contra a Covid-19, será obrigatorio o uso de máscaras para as persoas asistentes. Ademais, e en todo momento, tanto na agarda, acceso e estancia dentro do recinto, as usuarias e usuarios deberán seguir as instrucións do persoal.
Por outra banda, non poderán acceder ao evento aquelas persoas con síntomas compatibles coa Covid-19, aquelas diagnosticadas coa enfermidade e as que non finalizasen o período de illamento, así como as persoas que se atopen en período de corentena domiciliaria por ter contacto estreito con algunha persoa afectada por síntomas ou diagnosticada da Covid-19