Xa están abertos os prazos de inscrición para os concursos de carrozas, comparsas, choqueiros e concursos de disfraces infantís
As actividades celebraranse dende o 17 de febreiro ata o 2 de marzo
O Concello da Coruña recuperará este entroido as tradicionais celebracións que teñen lugar con motivo desta festividade. Deste xeito, desde o 17 de febreiro e ata o 2 de marzo, celebraranse eventos como o concurso de comparsas, o xoves de comadres, as diferentes ofrendas florais a persoeiros destacados do Entroido, a entronización do Momo, o desfile de disfraces pola cidade e os habituais concursos de disfraces de adultos e nenos así como a festa choqueira en Monte Alto que terá lugar o 1 de marzo.
Tras un ano marcado pola pandemia no que non foi posible realizar todas estas actividades, o Concello aposta por recuperar a normalidade este ano organizando numerosos eventos e actividades. En palabras da alcaldesa, Inés Rey “queremos que toda a cidade poda volver a gozar con normalidade dunha festa tan nosa como é o Entroido e do mesmo xeito apoiar ás comparsas e ao sector cultural e festivo da Coruña”.
Ademáis das tradicionais actividades o Concello proxecta complementar as festas cun cartel musical, con exposicións e con novas accións que permitirán recuperar e honrar a memoria de persoeiros singulares que impulsaron o entroido na cidade.
Os eventos comezarán o vindeiro 17 de febreiro coa inauguración dunha exposición sobre os 40 anos de historia da comparsa “Os Maracos” e finalizarán o 2 de marzo coa destronización do deus Momo.
Inscricións nos concursos
Xa están abertos os prazos para as inscricións nos diferentes concursos, todas e todos os interesados en participar nos concursos de carrozas e comparsas, no de choqueiros e choqueiras ou nos concursos infantís poden inscribirse xa a través da páxina web do Concello www.coruna.gal/cultura.
O concurso de comparsas celebrarase o 20 de febreiro no Palacio da Ópera e os de disfraces serán o 1 de marzo.