Friday 22 de November de 2024

A Xunta e A Laracha cooperan na execución das obras de mellora da contorna do Campo da Feira de Paiosaco, que se licitarán en breve


— Os traballos consistirán na ampliación das beirarrúas para definir uns espazos máis accesibles e seguros para os peóns

— Esta actuación está incluída no Plan Hurbe que ten por obxectivo mellorar os equipamentos municipais, e na que a Xunta achega máis de 90.000 euros

A Xunta e o Concello da Laracha ratificaron esta semana o seu compromiso para cooperar na materialización das melloras da contorna do campo da feira de Paiosaco.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o rexedor, José Manuel López, asinaron o convenio de colaboración, que recolle un orzamento de máis de 130.000 euros para a execución desta actuación, que -tras a sinatura do convenio- se licitarán en breve.

Nese sentido, a conselleira trasladoulle ao alcalde que xa deu instrucións á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para iniciar os trámites e poder publicar a licitación desta actuación este mesmo mes.

Os traballos permitirán crear uns espazos urbanos máis amables para os peóns, dotándoos dunha maior comodidade e seguridade, grazas á ampliación de beirarrúas, incluso creando un tramo novo nas proximidades do campo da feira.

Cómpre recordar que esta iniciativa está incluída no Plan Hurbe, posto en marcha polo Goberno galego, hai máis dunha década, para axudar aos concellos na materialización de proxectos urbanísticos do seu interese.

A conselleira destacou que, ao longo do actual exercicio, mobilizará unha partida de 7 millóns de euros para apoiar proxectos e iniciativas, como a impulsada pola Laracha.

Así, a Xunta asume o 70% da actuación -neste caso concreto, son 92.105 euros-, mentres que a porcentaxe restante é achegada polas entidades locais –case 40.000 euros serán aportados por A Laracha-. Non obstante, ambas administracións comparten o obxectivo de crear, mellorar e humanizar as infraestruturas de uso público e colectivo, para mellorar os servizos e equipamentos ao servizo dos cidadáns.