Monday 25 de November de 2024

A Xunta apoia o concello de Noia con achegas para a mellora enerxética e eliminación de gas radón na Casa Consistorial


— A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou as obras levadas a cabo ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental cunha achega de preto de 30.000 euros

— O Goberno galego contribuíu tamén na adquisición dun vehículo todoterreo eléctrico polo sistema de rénting para uso da Policía Local

— O Fondo de Compensación Ambiental destina este ano 11,3M€ a axudas para contribuír a recuperación sostible dos municipios, que teñen ata o 25 de febreiro para facer as súas solicitudes

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe en Noia as obras levadas a cabo ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental, polo que o Goberno galego destinou o ano pasado preto de 30.000 euros á mellora enerxética e eliminación de gas radon na casa consistorial.

O Concello de Noia levou a cabo obras de eficiencia enerxética no consistorio municipal, coa substitución do sistema de iluminación da fachada, o vestíbulo e o salón de plenos por iluminación con lámpadas led que lles permite un importante aforro enerxético e diminuír a contaminación lumínica no exterior do edificio.

Por outra banda, a pedra de granito coa que está construído o edificio supón un risco de emisións de gas radon, polo que o Concello levou a cabo obras de encintado dos muros para reducir o seu deterioro e diminuír as emisións deste gas prexudicial para a saúde das persoas.

A directora xeral de Administración Local subliñou que as obras levadas a cabo polo Concello de Noia contaron co apoio do Goberno galego porque supoñen un importante aforro enerxético na casa consistorial e unha maior salubridade do edificio, obxectivos que se axustan á finalidade para a que foi creado o Fondo de Compensación Ambiental, que conta este ano cun orzamento de 11,3 millóns de euros e do que está aberta a convocatoria para que os municipios galegos interesados presenten as súas solicitudes de xeito telemático antes do 25 de febreiro.

O FCA ten como obxectivo contribuír ao desenvolvemento e a recuperación sostible dos municipios galegos. Entre as accións subvencionables do fondo inclúese a mellora da eficiencia enerxética das instalacións e edificios municipais e a utilización de enerxías renovables.

Con estas axudas, a Xunta tamén apoiará un ano máis aos concellos na conservación da biodiversidade e á protección do medio ambiente e do espazo natural con outras actuacións como campañas divulgativas e plans ambientais ou a adquisición de equipamento de alta eficiencia enerxética.
Compra de vehículos con distintivo ambiental ou emisións Cero
Ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental a Xunta tamén financia a compra de vehículos con distintivo ambiental Cero emisións ou Eco, xunto con iniciativas encamiñadas á protección do ambiente e dirixidas a evitar a degradación e deterioración ambiental, a acadar unha mellor integración paisaxística na contorna, que permitan levar a cabo un maior control ambiental ou actuacións en infraestruturas municipais dirixidas á utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais.
De feito, o Concello de Noia beneficiouse tamén dunha achega plurianual do Goberno galego para a adquisición, polo sistema de rénting, dun todoterreo eléctrico para a Policía Local, coa intención de substituír os vehículos de alta contaminación e emisións de gases de efecto invernadoiro por outros máis máis eficientes e respectuosos co medio ambiente. A Xunta aportará máis de 33.000 euros para o financiamento deste vehículo.
A directora xeral de Administración Local lembrou que o Fondo de Compensación Ambiental foi posto en marcha pola Xunta en 2010 para distribuír os ingresos do canon eólico e permitiu ata agora cofinanciar máis de 2.300 proxectos por máis de 108 millóns de euros. Tamén engadiu que estes proxectos teñen un efecto exemplarizante ao contribuír a concienciar á veciñanza da repercusión sobre o medio ambiente das medidas de eficiencia enerxética e de impulso da sustentabilidade ambiental nas administracións públicas, en concreto, nas entidades locais.