Un consello: subide a Racamonde para admirar e comprender 1.500 km² de paisaxe abraiante
Con moi pouco pode facerse moito, é sabido. E para mostra, a pequena intervención que levou a cabo o Concello de San Sadurniño no punto máis alto do seu territorio, situado en Racamonde. Desde hai unhas semanas, quen pase por alí atopará xusto ao carón do vértice xeodésico unhas novas escaleiras de madeira, unha varanda de protección tamén nova e varios elementos que permiten descubrir tanto o propio entorno do Forgoselo como os 1.500 km² paisaxe que se divisan todo arredor dese lugar. Ademais tamén se dotou o mirador con información ambiental e patrimonial, con posibilidade de ampliala a través do teléfono móbil con códigos QR que nos levan a máis contidos e a actividades educativas. O proxecto beneficiouse dunha subvención de Turismo de Galicia próxima aos 30.000 euros, cos que o Concello tamén financiou case na súa totalidade a renovación dos paneis e indicadores da ruta do Río Castro e a construción da área de autocaravanas da Cortiña que quedara fóra da convocatoria do ano anterior.
En días claros e de ambiente limpo, desde o vértice de Racamonde (542 m.) albíscanse mirando ao suroeste a torre de Hércules e incluso -fixándose moito, moito, moito- as illas Sisargas. Tamén se pode percorrer case todo o Golfo Ártabro e, seguindo a liña costeira, a vista chéganos á Capelada e á Serra do Xistral.
Gracias a unha mesa en forma de rosa dos ventos é posible situarse sen compás nin Google Maps e botar un bo pedazo pescudando na paisaxe cales son os elementos que se ven ao lonxe, representados con etiquetas nunha fotografía horizontal de 360º orientada aos catro puntos cardinais.
A mesa é a protagonista da instalación, que se levou a cabo cunha intervención mínima, pero antes de chegar a ela, segundo subimos ao mirador, atopamos en primeiro lugar un panel que nos explica o lugar no que nos encontramos, reseñando o seu valor ambiental -a zona forma parte da ZEC Xubia-Castro- e tamén como punto destacado do límite sur do Proxecto de Xeoparque do Cabo Ortegal e o único de todo o o seu ámbito que nos mostra formacións graníticas tan peculiares como os bolos, pedras cabaleiras e curiosos buratos -chamados pías- orixinados por millóns de anos de meteorización (a erosión causada pola auga e outros fenómenos).
Subindo pola escaleira atoparemos a man esquerda un tótem de catro caras que ofrece máis detalles sobre as características xeolóxicas do proxecto, sobre a natureza do Forgoselo e ao respecto da historia e o patrimonio cultural que atesoura o concello de San Sadurniño. Ao pé desa información aparecen códigos QR que nos propoñen distintas actividades de descubrimento, de modo que a experiencia é aínda máis entretida e especialmente indicada para vivila na compaña de rapazada.
Segundo explica o responsable de Desenvolvemento local, Manolo Varela, a idea xurdiu a raíz do interese da súa área por “facer algo” que permitise poñer en valor o punto máis elevado do concello e un dos referentes para as persoas amantes do aire libre. “Ao vértice xeodésico de Racamonde vai moita xente. Hai un bo acceso en coche e desde alí temos unha vista panorámica que abrangue arredor de 1.500 km² de territorio, o que converte ese sitio nun dos mellores miradoiros naturais de toda a provincia”.
Ata hai pouco no lugar só existía unha vella escaleira de madeira para acceder ao sinal xeodésico, xa moi danada tras anos soportando a dureza do inverno. “Tiñamos que cambiar a escaleira por razóns de seguridade e xa aproveitamos para instalar outros elementos, como a varanda de protección e os paneis informativos. De non haber nada, salvo a espectacular paisaxe, pasamos a ter, con moi pouco, un sitio que nos permite coñecer a riqueza ambiental e patrimonial de toda a zona”, engade Varela.
As actuacións no alto de Racamonde leváronse a cabo antes do Nadal e incluíronse nun plan de melloras subvencionado o ano pasado por Turismo de Galicia con cerca de 30.000 euros que tamén serviu para renovar a sinalización de todo o sendeiro do Castro e financiar a construción da área de servizos para autocaravanas da Cortiña, que quedara fóra da convocatoria de 2020.