Friday 22 de November de 2024

Inés Rey: “Fernando Romay é un dos mellores embaixadores que ten A Coruña”


A alcaldesa entregoulle ao ex xogador de baloncesto o distintivo de Cabaleiro de Honra da Real Orde de Cabaleiros de María Pita

O salón de sesións do palacio de María Pita acolleu esta tarde o acto de entrega da medalla que distingue a Fernando Romay como Cabaleiro de Honra da Real Orde de Cabaleiros de María Pita. A alcaldesa da Coruña e Gran Mestre da Orde, Inés Rey, presidiu a cerimonia que rendeu homenaxe a unha das grandes figuras da historia do baloncesto español.

O coruñés Fernando Romay foi escollido como Cabaleiro de Honra polos seus méritos profesionais e o seu labor social fóra das canchas de baloncesto. A distinción corresponde ao ano 2020, mais a pandemia da COVID-19 obrigou a adiar o acto ata o día de hoxe. Por parte da Real Orde interviron no acto o Mestre, José Duarte Novo, e a vicechanceler, Ana María Nieves Ónega.

Inés Rey destacou os méritos deportivos de Fernando Romay, pero tamén a súa predisposición para colaborar con diferentes entidades e asociacións da cidade en distintas cuestións sociais. “Hoxe distinguimos a un dos deportistas máis importantes da cidade.

Unha persoa que levou o nome da Coruña polo mundo adiante e que acadou os máis importantes logros do baloncesto a nivel nacional e internacional”, sinalou Inés Rey. Fernando Romay é considerado un dos mellores xogadores da historia do Real Madrid e da Selección Española de baloncesto. No conxunto madrileño militou do 1976 a 1993 conseguindo numerosos títulos a nivel nacional e internacional. Coa Selección chegou a participar en dous Xogos Olímpicos, acadando o fito da medalla de prata en Los Ángeles 1984.

Máis alá da súa faceta deportiva, o coruñés desenvolve unha intensa vida social. “A forma de ser e o carisma de Fernando Romay fóra da cancha de baloncesto valéronlle para acadar outro premio moi importante: o cariño da sociedade. Romay, pese a desenvolver a totalidade da súa carreira profesional fóra da cidade, sempre levou a bandeira da Coruña alá onde foi”, apuntou Inés Rey. A alcaldesa, como Gran Mestre, foi a encargada de entregarlle a medalla conmemorativa ao ex xogador de baloncesto, que se amosou moi agradecido co distintivo outorgado pola Real Orde de Cabaleiros de María Pita.

A entidade, nada en 1990, ten como obxectivo investigar e difundir a figura de María Pita, a súa contorna e a súa época. Ao longo do ano desenvolven diferentes actividades na cidade, relacionadas sempre co seu pasado e os seus personaxes máis ilustres.