Thursday 21 de November de 2024

As bibliotecas municipais programan unha vintena de actividades para achegar a vida e obra de María Casares a toda a cidade


A exposición itinerante ‘Eu son de aquí’ supón o inicio do Ano Internacional María Casares, que busca reivindicar a figura da popular actriz de orixe coruñés

Inés Rey: “Queremos, neste 2022, reivindicar a orixe de María Casares, da que ela mesma estaba orgullosa”

As bibliotecas municipais da Coruña acollerán ata o mes de novembro a mostra itinerante ‘Eu son de aquí’, que resume a vida e obra da actriz de orixe coruñés María Casares, así como outra vintena de actividades que teñen como obxectivo difundir o coñecemento sobre a actriz por todos os barrios. Este venres inaugurouse esta exposición no Fórum Metropolitano e contou coa presenza da alcaldesa Inés Rey. Trátase do primeiro dos actos que organiza o Concello dentro do Ano Internacional María Casares, que procura reivindicar a súa figura e as súas orixes no centenario do seu nacemento.

A exposición dará conta da traxectoria vital e artística da actriz coruñesa. Conta con textos de Sara R. Espiñeira e Alba Guerra e o seu contido xirará arredor dos eixes fundamentais da súa carreira: o teatro, a súa condición de muller independente, A Coruña na súa época, a cultura francesa, o existencialismo, a República e o exilio. Como novidade, a mostra estará conectada a un código QR que permitirá facer unha visita virtual da mesma.

“Queremos, neste 2022, reivindicar a orixe de María Casares, da que ela mesma estaba orgullosa”, apuntou Inés Rey durante o acto de inauguración. A alcaldesa da Coruña exaltou o labor que realiza a rede de bibliotecas municipais na achega de coñecementos á cidadanía durante o ano e apuntou que ese era o motivo polo que esta mostra percorrerá as distintas bibliotecas da cidade. “Na Coruña contamos cunha rede de bibliotecas de referencia a nivel estatal, que permite á cidadanía acceder a múltiples fontes de información. Trátase dun servizo moi visitado, cunhas 300 visitas por hora, e cunha grande aceptación”, sinalou Inés Rey.

A exposición ‘Eu son de aquí’ contará con materiais complementarios como unha serie de podcasts nos que se recitarán textos de María Casares ou un vídeo no que se amosa A Coruña na época na que se criou a actriz, elaborado pola Biblioteca de Estudos Locais baixo o título ‘María Casares na Coruña’. Ademais, a mostra tamén busca a participación activa dos e das usuarias das bibliotecas municipais, que poderán intervir en coloquios e charlas divulgativas. Haberá tamén espazo para o teatro, coa representación ‘Querida Vitola’ do Club de Teatro Lido da biblioteca da Sagrada Familia, inspirada na correspondencia entre María e Santiago Casares e baseadas no epistolario ‘Cartas no exilio’, de María Lopo, que é tamén a comisaria deste Ano Internacional.

“Esta será unha exposición viva. Por iso, quixemos que os propios usuarios e usuarias da nosa rede de bibliotecas tivesen o seu espazo neste actividade”, apuntou Inés Rey. As bibliotecas amosarán aos usuarios e das usuarios todo o material bibliográfico e documental do seu catálogo relacionado coa artista, que poderán levar en préstamo se queren coñecer máis en profundidade a figura de María Casares. Ademais, os clubs de lectura da rede sumaranse tamén a todas estas propostas, coa lectura ao longo deste ano dalgúns títulos como: ‘Residente Privilexiada’, ‘O tempo das mareas’ ou ‘Memoria de cidades sen luz’, de Inma López Silva, premio Blanco Amor e que acudirá en calidade de relatora a unha das charlas programadas.

Ano Internacional María Casares
O Ano Internacional Maria Casares xorde coa intención de identificar á actriz coa súa Coruña natal, mais tamén co obxectivo de recuperar a memoria do exilio coruñés, situar A Coruña en Francia a través da súa figura, visibilizala como a muller independente que foi e amosar a cultura como un ben común. María Casares, nada na cidade en 1922, marchou da Coruña a Madrid con só oito anos, para despois exiliarse en Francia, onde chega a ser a gran dama do teatro francés do século XX. Foi unha referencia das vangardas artísticas e un exemplo de compromiso ético, político e social.

Entre os actos que se celebrarán destacan a creación dunha biografía en banda deseñada, unha exposición no Quiosco Alfonso, unha ruta urbana, visitas teatralizadas no Teatro Colón, un documental ou un encontro internacional. En próximas datas anunciaranse novos actos a desenvolver durante este 2022.

Toda a información poderá consultarse a través da páxina web coruna.gal/mariacasares.