A Feira de Artesanía de Fene terá lugar no paseo marítimo entre as 10 e as 20:00h
O paseo marítimo de San Valentín acollerá durante toda a xornada deste domingo 6 de febreiro a Feira de Artesanía organizada pola Concellaría de Promoción Económica, na que se darán cita 21 postos de dentro e fóra de Fene. A iniciativa busca poñer en valor a creación de proximidade ofrecéndolles ás artesás e artesáns participantes un espazo compartido -baixo carpa- no que expor e vender as súas manufacturas.
A Concellaría de Promoción Económica reuniu 23 expositores -algúns deles comparten posto- que presentarán unha grande variedade de produtos e prezos, co nexo común de tratarse de pezas case únicas, feitas á man coa máxima dedicación e co selo persoal das súas creadoras e creadores.
En San Valentín atoparemos practicamente de todo: coiro, téxtil, moda, complementos, mobles, decoración, cerámica… aos que se lle engaden delicadezas de chocolate e chacinas e embutidos procedentes da alta montaña luguesa.
A maioría de participantes son persoas autónomas de Fene e da volta da ría, aínda que tamén hai representación das comarcas do Eume, Ortegal, das Mariñas coruñesas e mesmo asturiana.
A feira comezará ás 10:00h e prolongarase sen interrupción até as 20:00h dun domingo de transición cara ao anticiclón que se agarda fresco pero soleado. Con tempo favorable e tendo en conta o espazo elixido -o paseo de San Valentín- agárdase que a cita sexa concorrida durante todo o día, beneficiándose do constante tránsito dominical de camiñantes que pasan pola zona.
Ademais, tal e como se sinala desde a área de Promoción Económica e Turismo, a Feira de Artesanía é unha escusa perfecta para achegarse ata Fene gozar da paisaxe e da gastronomía locais.