A Asociación de Dano Cerebral de Compostela – Sarela coa colaboración da Concellaría dos Servizos Sociais da Pobra do Caramiñal, da cal é titular a edil Amparo Cerecedo (BNG), ofrecerá unha charla sobre o Dano Cerebral Adquirido (DCA) cos obxectivos de achegar información e sensibilizar á cidadanía, tal e como deron a coñecer unha das traballadoras sociais do Concello, Teresa Pérez, e a súa homóloga de Sarela, Laura Segade. O coloquio terá lugar no 10 de febreiro, ás 19.00 horas, no Auditorio do Museo Valle-Inclán e será impartido por Julia Lodeiro, psicóloga e neuropsicóloga da mencionada entidade.
Abordaranse así as principais causas e secuelas do DCA, prevención, síntomas de alerta dun ictus, que facer cando xa se produciu e factores que favorecen a recuperación. Tamén se trasladará información sobre o labor que desenvolve Sarela, xunto cos seus servizos e puntos informativos coma o existente no Hospital da Barbanza, e contarase coa proxección da curtametraxe Punto e Seguido, a vida despois do DCA, a cal pretende achegar a realidade das persoas e familias galegas con Dano Cerebral Adquirido a través dos seus propios testemuños.
Dirixido a toda a poboación en xeral, as persoas interesadas en asistir poden anotarse in situ no propio día da conferencia e tamén está á súa disposición o teléfono de contacto 981832764 para solicitar máis información.