Friday 22 de November de 2024

O Concello inicia o luns as obras de peonalización e reurbanización de Alcalde Marchesi e Primavera


O proxecto creará zonas de lecer e descanso, ademais de potenciar o comercio local e mellorar a mobilidade peonil coa creación dun espazo seguro

As obras de reurbanización e peonalización das rúas Alcalde Marchesi e Primavera comezarán este próximo luns 7 de febreiro. O inicio dos traballos anunciounos este venres a alcaldesa Inés Rey, que incidiu en que o seu Goberno cumpre deste xeito unha “demanda histórica” dos veciños e do comercio local da zona.

A obra intervirá nun ámbito de 3.189 metros cadrados e ten un prazo de execución de 12 meses. O orzamento dos traballos é de 975.000 euros e o Concello ten solicitados fondos Next Generation para os sufragar. O proxecto foi redactado polo estudo de arquitectura coruñés NAOS e o seu obxectivo é a peonalización das rúas mencionadas e a mellora das condicións urbanas do espazo público, así como rexenerar o tecido urbano, con zonas de lecer, paseo e descanso. Búscase tamén o benestar e a potenciación do comercio local desta zona e a mellora da mobilidade peonil a través da xeración dun espazo seguro para a cidadanía.

Esta semana Juan Díaz Villoslada, concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestrutura e Mobilidade, e Diana Cabanas, concelleira de Comercio, Mercados e Barrios, ademais do equipo técnico e os directores de obra, reuníronse coa asociación de veciños e representantes de veciños e comerciantes de ambas rúas para avanzarlles o inicio dos traballos e as súas características.

Unha rúa para veciños e comerciantes
Estes traballos converterán unha rúa corredor sen elementos de interese ou de referencia nunha rúa-praza para o gozo dos veciños e veciñas do barrio. Un dos elementos máis destacados da transformación desta zona será a integración da cor nos firmes da rúa. As diferentes superficies e cores integraranse para formar un espazo novo e dinámico. O aumento da natureza na contorna darase a través do aumento significativo da vexetación e zonas verdes en todo o barrio, dispostas como pequenas illas de diversos tipos de árbores e flores de diversas cores.

Nos puntos de intersección entre as rúas estableceranse dous fitos formados a través de elementos verticais que servirán como puntos de encontro e contarán cunha base de carga de dispositivos e conexión a Internet, que recibirá o nome de Árbore Tecnolóxica. Por outra banda, os trazados do pavimento da intervención estenderanse por toda a superficie de maneira orgánica, de xeito que xerará unha ampliación das zonas peonís onde se establecerán zonas de descanso e espazos con xogos infantís. Para estes últimos, hai previstos xogos como o xadrez ou a mariola.

O firme será de formigón continuo, salvo nas zonas infantís que será de caucho. Os colectores do lixo serán soterrados e executaranse neste proxecto dous pasos de peóns elevados en Fernández Latorre e na avenida de Oza. Os traballos suporán a instalación de 20 bancos con xardineira, 33 bancos singulares deseñados para o proxecto, 20 bancos de forma cúbica, 5 mesas de xadrez, 16 bancos de madeira, 16 exemplares da árbore Prunus amanogawa e arbustos de 6 especies diferentes.

O plan de obra trasladado aos veciños e veciñas indica que o proxecto se executará por fases, sendo a primeira a que afecta ao subsolo a través da renovación completa da rede de saneamento. A continuación, renovarase o firme e instalarase o novo material e mobiliario urbano, ademais das árbores e a vexetación. As obras comezarán no cruzamento da rúa con Ramón y Cajal e irán ascendendo cara a praza de Catro Camiños e a rúa Primavera.

A futura Rolda Peonil
O proxecto de peonalización de Alcalde Marchesi e Primavera forma parte da Rolda Peonil coa que o Goberno de Inés Rey pretende continuar avanzando na súa política de gañar espazo na rúa para a cidadanía e humanizar a contorna dos diferentes barrios. No último ano avanzouse neste proxecto gañando máis de 7.500 metros cadrados de espazos peonís cun investimento de case 1 millón de euros.

Tratouse da peonalización de Puga y Parga (73.689 euros), a peonalización de Mariscal Pardo de Cela (141.664,53 euros), a reurbanización de Oidor Gregorio Tovar (567.662,32 euros) e a peonalización de Ramón Cabanillas (132.430 euros). Os seguintes pasos, ademais desta primeira fase de Alcalde Marchesi, será a continuación desta rúa cara Ramón y Cajal e A Gaiteira e a segunda fase de Ramón Cabanillas. O Concello ten solicitada a inclusión destes proxectos nos fondos Next Generation.