Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño aproba o plan de implantación dos ODS no seu territorio


O documento, ratificado por unanimidade no pleno do pasado xoves, marca “deberes” para os próximos tres anos, ademais de establecer mecanismos participativos que permitan coñecer o grao de cumprimento das accións propostas

O plan é resultado dun proxecto piloto promovido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O pleno ordinario celebrado en San Sadurniño o pasado xoves levaba entre os asuntos da súa orde do día a aprobación do Plan de implantación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU dentro da Axenda 2030. Na exposición de motivos explicouse cal é a intencionalidade deste documento, que pretende ser unha guía de actuación para o consistorio e para a veciñanza de cara a cumprir eses 17 obxectivos mundiais cos que se perseguen dúas fins intimamente ligadas: frear o cambio climático e construír unha sociedade máis xusta. No caso de San Sadurniño, e gracias ao apoio do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, o plan deseñouse partindo dunha diagnose inicial do territorio -saber como estamos agora- para logo poñer negro sobre branco todas aquelas cousas que cómpre cambiar ao longo dos próximos anos para achegarnos no posible á sostenibilidade da que fala cada apartado dos ODS. A vixencia inicial do plan será de tres anos, tempo no que deberá facerse un seguimento constante sobre o cumprimento das accións propostas.

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou en setembro de 2015 a declaración denominada “Transformar o noso mundo: a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible”. Este documento, coñecido como Axenda 2030, foi subscrito por 192 países, entre eles o Estado español, e entrou en vigor o día 1 de xaneiro de 2016.

A Axenda 2030 recolle unha diagnose que determina cales son os grandes problemas da Humanidade, e desenvolve un plan de acción, co propósito de dar solución a todos eses retos detectados e desenvolver un plan integrado e universal en favor das persoas, o planeta e a prosperidade. Para iso, marca 17 obxectivos de desenvolvemento sostible, coñecidos como ODS, que á súa vez se desenvolven en 169 metas concretas, que a práctica totalidade dos países do mundo se comprometen a lograr de cara a 2030.

A Axenda 2030 non é un texto normativo, senón que establece un horizonte ao que hai que tender e en que ámbitos hai que actuar para conseguilo, para que logo sexa cadaquén -estados, comunidades, concellos, colectivos, empresas, particulares…- quen interioricen e asuman o compromiso de facelo. Lendo os obxectivos da ONU é doado decatarse de que os concellos teñen a capacidade -e a obriga- de levar adiante accións que permitirían cumprir arredor do 65% dos ODS.

Porén, para afrontar os retos “complexos” dos vindeiros anos “imos precisar dunha boa planificación estratéxica municipal, que faga unha diagnose da situación actual, marque as metas de cara ao futuro, e estableza as accións precisas para logralas”, apúntase na exposición de motivos previa ao acordo que se levou a pleno o xoves pasado. “O Concello considera que debe comezar un proceso de planificación estratéxica, e ademais ten o deber de adherirse ao compromiso de acadar, na medida das súas posibilidades, os ODS recollidos na Axenda 2030 que lle afectan, e así achegar o seu gran de area ao progreso planetario”.

Neste sentido, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade (FGC), entidade da que forma parte o Concello de San Sadurniño, e que vén traballando arreo na difusión da Axenda 2030 e dos ODS, convocou en setembro de 2020 aos seus socios para que enviasen unha proposta para participar nun proxecto piloto para a redacción do plan de acción da Axenda 2030. San Sadurniño solicitou a integrarse no programa e finalmente foi escollido canda os concellos de Cabanas e Pontedeume.

Ao longo de 2020 e 2021, coas limitacións impostas pola evolución da pandemia da COVD-19, a empresa consultora contratada polo Fondo foi realizando os distintos traballos de diagnose e definición dos obxectivos e das metas que o Concello pretende implementar a dous anos vista -o plan establece como primeiro horizonte temporal o ano 2024-, para avanzar na consecución dos ODS a nivel local.

O documento completo pode descargarse desde esta ligazón. É unha guía moi resumida e clara sobre as liñas de traballo, que se agrupan en 6: ámbito social, igualdade e inclusión (ODS 1, 2, 3, 4 e 5), ambiente (ODS 6, 12, 13, 14 e 15), ámbito económico e produtivo (ODS 7, 8, 9, 10 e 11), gobernanza e calidade democrática (ODS 16), alianzas (ODS 17) con outros municipios, administracións e colectivos e, como cabo deste índice de cousas para facer, as accións transversais relacionadas coa difusión e a comunicación da Axenda 2030 para trasladarlle á sociedade o seu contido e acadar a súa máxima implicación activa cos obxectivos de desenvolvemento sostible.

Con respecto a esta última epígrafe, o propio plan apunta a necesidade de empezar pola formación do persoal municipal e político do Concello, levar a cabo campañas informativas acompañadas de eventos de presentación da Axenda 2030 e crear unha comisión mixta formada polo propio consistorio e polas entidades municipais que se ocupe de facer un seguimento e avaliación de como vai evolucionando o cumprimento dos ODS.

O plan tamén aconsella que a comisión se reuna un mínimo de seis veces no ano para analizar o grao de cumprimento das accións propostas, cubrindo para iso unha folla de resultados, e, ademais, insiste en que se promovan dúas xuntanzas de avaliación, unha intermedia tralo primeiro ano e medio de execución, e outra final -no primeiro trimestre de 2025- que ofreza unha visión precisa sobre os resultados obtidos e sexa base para deseñar futuros plans de implementación dos ODS no Concello de San Sadurniño.

A xestación do documento aprobado en pleno o xoves pasado, xa en vigor, bateu en 2020 e 2021 coa situación de pandemia, que retrasou case un ano a súa aprobación plenaria e dificultou en grande medida o desenvolvemento de toda a parte de participación social.

Con todo, Wayna Consultora -a empresa contratada polo Fondo Galego para coordinar o proxecto- organizou as mesas de traballo social e económica-ambiental. Na primeira participaron Carlos Cobelo (AC San Pipote de Bardaos), Monse Sande (AC Brío), Esther Díaz (ACRD Santa Mariña do Monte e concelleira do PP) e Cristina Soto, da AVV Xuntanza de Lamas. A mesa de economía e ambiente contou coas achegas de Xosé María García (Asociación Agroecolóxica A Cortiña), de Luis Regeiro (AGFA do Eume) e de María Belén Trigo, portavoz do grupo municipal do Partido Popular.