Friday 22 de November de 2024

O Teatro Rosalía de Castro acolle unha dobre función da obra inmersiva ‘Moria’, inspirada en testemuños reais no campo de refuxiados da illa de Lesbos


Haberá dous pases cada día, entre o venres 4 e sábado 5 de febreiro, ás 18.30 e 20.30 horas. O aforo estará limitado a 50 persoas por función

O Teatro Rosalía de Castro avanza esta fin de semana na nova tempada do Ciclo Principal de Teatro-Primavera 2022, que arrincou o pasado 28 de xaneiro coa obra ‘True West’, protagonizada por Tristán Ulloa.

O ciclo, que conta con trece obras previstas nun calendario que se estenderá ata o mes de xuño, seguirá este venres 4 e sábado 5 co espectáculo ‘Moria’, dirixido por Mario Vega e inspirado en testemuñas reais filmadas no campamento de refuxiados de Moria (Lesbos; Grecia) baixo a supervisión de Nicolás Castellano, reporteiro especializado durante os últimos vinte anos en movementos migratorios forzosos e dereitos humanos.

‘Moria’, ideada como unha experiencia de teatro inmersivo, aborda a historia de dúas refuxiadas e as súas familias, ás que non lles queda outra que fuxir dos seus países de orixe. A obra está protagonizada por Marta Vieira e Ruth Sánchez. Trátase dun espectáculo de proximidade e pequeno formato que se realizará coas localidades dispostas no escenario do Teatro Rosalía de Castro. Haberá dous pases cada día: un ás 18.30 horas, e outro ás 20.30 horas, con capacidade reducida, ata un máximo de 50 persoas por función.

As entradas para asistir ao espectáculo están á venda e dispoñibles a través da páxina web de Ataquilla.com e tamén no despacho de billetes central do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) da praza de Ourense (de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas), con prezos de 12 euros para o público xeral e descontos para usuarias e usuarios con Carné Xove, maiores de 65 anos ou en situación de desemprego, así como familias numerosas. Os pases tamén poderán adquirirse os días da actuación, nos despachos de billetes do Teatro Rosalía de Castro (de 16.00 a 20.00 horas), sempre que haxa entradas dispoñibles.

O cumprimento das pautas e medidas sanitarias contra a Covid-19

Durante a sesión, e en virtude das medidas sanitarias vixentes contra a Covid-19, será obrigatorio dispor do certificado de vacinación e tamén o uso de máscaras para as persoas asistentes. Ademais, e en todo momento, tanto na agarda, acceso e estancia dentro do recinto, as usuarias e usuarios deberán seguir as instrucións do persoal.

Por outra banda, non poderán acceder ao evento aquelas persoas con síntomas compatibles coa Covid-19, aquelas diagnosticadas coa enfermidade e as que non finalizasen o período de illamento, así como as persoas que se atopen en período de corentena domiciliaria por ter contacto estreito con algunha persoa afectada por síntomas ou diagnosticada da Covid-19.

Once obras máis previstas ata mediados de xuño
Tras ‘Moria’, a programación do Ciclo Principal de Teatro-Primavera 2022 no Rosalía de Castro abrangue outras once obras máis ata mediados de xuño. Son as seguintes:
● 11 de febreiro: RIF (De piojos y gas mostaza), con Arantxa Aranguren e Néstor Ballesteros.
● 18 e 19 de febreiro: Atocha, el revés de la luz, con Nacho Laseca e Fátima Baeza.
● 4 e 5 de marzo: El cuaderno de Pitágoras, con Manolo Caro e Emmanuel Cea.
● 12 de marzo: Tierras del Sud (Trilogía Pacífico), con Laida Azkona e Txalo Toloza-Fernández.
● 18 e 19 de marzo: Eva contra Eva, con Ana Belén e Mel Salvatierra.
● 27 de marzo: El diablo en la playa, con Celeste e Claudia Faci.
● 1 e 2 de abril: Lo fingido verdadero, con María Besant e Montse Díez.
● 8 e 9 de abril: Smoke on the water, con Josito Porto e Belén Constenla.
● 22 e 23 de abril: Erresuma. Kingdom, con José María Pou e Eneko Sagardoy.
● 20 e 21 de maio: As que limpan, con Areta Bolado e Noelia Castro.
● 17 e 18 de xuño: Los Santos Inocentes, con Javier Gutiérrez e Pepa Pedroche.