Friday 22 de November de 2024

O Concello Lousame ultima a adxudicación de máis de 240.000 euros en mellora de estradas


Entre as actuacións figura a mellora do viario de Fruíme á Escabia afectado por un corremento de terras

O Goberno Local de Lousame ultima a adxudicación de tres proxectos de mellora na súa rede viaria, que suporán un investimento de 242.055,66 euros. Tres proxectos que se atopan en fase de avaliación e que serán adxudicados nunha próxima Xunta de Goberno Local para seren executados no primeiro semestre deste 2022.

Os tres proxectos pendentes de adxudicar son: a mellora do trazado do viario de Fruíme á Escabia, o arranxo do camiño entre o cruce de Peital e Fruíme e a ampliación e mellora do camiño que une as localidades de Quintáns, Horta e Cairo. As dúas primeiras actuacións terán lugar na parroquia de Fruíme e a terceira en Lesende.

Viario Fruíme-Escabia

Entre as tres actuacións destaca a mellora do trazado do viario á Escabia, tanto polo seu orzamento (127.211,17 euros) como porque supón culminar un proceso iniciado en novembro de 2018, cando un corremento de terras levou parte do tramo da estrada que une Fruíme coa Escabia. Dende aquela, o Concello de Lousame asegurou primeiro a circulación pola zona e despois encargou un estudo xeolóxico da zona sobre o que poder facer un proxecto de obras que evitase futuros corrementos de terras.

Así, os traballos a acometer consistirán na construción dun muro de 100 metros de lonxitude con pedras de granito, cunha cimentación e recheo de material filtrante para a contención de terras. Para evitar o problema das augas pluviais, farase unha canalización de 170 metros de longo con 6 arquetas de formigón con reixa.

A maiores, mellorarase a seguridade dos peóns na zona coa construción de 260 metros de cuneta de seguridade revestida de formigón de 15 centímetros de altura e 1 metro de ancho, xa que o lugar non dispón de beiravías. Finalmente, os traballos inclúen a reparación dos 2.350 m2 desta estrada con cinco centímetros de aglomerado en quente a toda a plataforma e a colocación de 300 metros de barreira de seguridade.

Outras actuacións

Tamén na parroquia de Fruíme, o Concello de Lousame vai acometer a mellora da capa de rodaxe da estrada entre o cruce de Peital e a aldea de Fruíme. Un viario cunha lonxitude de 780 metros por 7 metros de ancho sobre a que se vai aplicar unha capa de seis centímetros de aglomerado en quente a toda a plataforma, previa reparación de fochancas e execución de 30 m2 de sobreanchos.

O terceiro proxecto en fase de adxudicación está na parroquia de Lesende, onde o Concello de Lousame vai mellorar dous tramos do camiño entre as localidades de Quintáns, Horta e Cairo. Os traballos contemplan a reparación de fochancas en dous treitos de estrada, de 310 e 710 metros, así como a execución de 125 m2 de sobreanchos. Finalmente, mellorarase a capa de rodaxe con seis centímetros de aglomerado en quente a toda a plataforma. Unha obra orzamentada en 56.443,23 euros.