Luz verde á nova residencia para a terceira idade que a Fundación Amancio Ortega construirá en Eirís
O Goberno municipal deu hoxe un paso definitivo para poñer en marcha as obras da nova estación intermodal e da mellora urbana da súa contorna.
O pleno referendou os convenios subscritos entre Concello, Xunta e ADIF, acordos que especifican o financiamento e as obrigas de cada parte, e nos que o Concello ten un papel esencial, non só na construción da nova terminal de autobuses e zonas comúns, senón polo investimento en novas vías e actuacións de mellora da calidade urbana tanto na avenida da Sardiñeira e a súa contorna como na avenida do Ferrocarril.
Mediante os convenios de financiamento asinados, o Concello achegará 14 millóns de euros. Un millón de euros será para as zonas comúns ás terminais de buses e ferrocarril, mellorando a comunicación entre elas. Os outros 13 millóns de euros destinaranse á terminal de buses, especialmente para a construción do aparcadoiro subterráneo, explicou o concelleiro de Urbanismo, Vivenda, Infraestruturas e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, que destacou a relevancia do paso dado para a cidade hoxe no pleno. O Concello asumirá o gasto comprometido en catro anualidades que comezarán a aboarse este mesmo ano, e opta tamén co proxecto da intermodal, indicou o concelleiro, aos fondos europeos Next Generation.
O pleno aprobou tamén as modificacións puntuais do Plan Xeral de Ordenación Municipal, modificacións precisas tamén para a construción da nova estación. Os cambios na Sardiñeira, que se aprobaron definitivamente, permitirán crear un novo vial de acceso ata a terminal de buses conectando a avenida de Arteixo coa avenida da Sardiñeira. O plan permitirá tamén mellorar a fachada urbana nesa última vía e urbanizar a praza fronte a escola infantil.
A aprobación inicial da modificación do plan na avenida do Ferrocarril, que tamén saíu adiante, permitirá ordenar ese espazo, achegar o solo preciso para a nova estación, e suporá para o Concello incorporar ao patrimonio municipal un inmoble de 2.800 metros cadrados para equipamento público, ademais de outros 2.600 metros cadrados de espazos libres.
A nova estación, indicou Villoslada “vai favorecer os procesos de rexeneración urbana, sendo un elemento de integración e de desenvolvemento económico e social” nunha ampla zona da cidade que inclúe A Sardiñeira, Os Mallos, Lonzas e Elviña.
Residencia de Eirís
Por outra banda, o pleno deu luz verde tamén ao estudo de detalle preciso para a construción da nova residencia para a terceira idade en Castiñeiro de Eirís, promovida pola Fundación Amancio Ortega. O estudo de detalle é preciso para poder comezar as actuacións sobre o terreo. Dito estudo consta con informes favorables de todas as Administracións implicadas. A última en presentar a documentación precisa, a Xunta de Galicia, fíxoo a semana pasada.