Friday 22 de November de 2024

O enxeño do humorista coruñés Luis Piedrahita chega esta fin de semana ao Teatro Colón, cunha tripla sesión do seu novo espectáculo


Durante o show de Piedrahita, cheo de reflexións sobre a vida cotiá das persoas, haberá tempo para a improvisación, conectando ao protagonista co público asistente

O Concello da Coruña impulsa este mes de febreiro unha intensa programación cultural no Teatro Colón, que abrirá esta fin de semana o humorista coruñés Luis Piedrahita.

O venres 4 de febreiro (21.00 horas) e o sábado (en dobre sesión: ás 17.30 e 20.00 horas), Piedrahita deleitará ao público asistente co seu novo espectáculo ‘Es mi palabra contra la mía’, un show cheo de humor, enxeño e tenrura a través do que Piedrahita faise unha pregunta: por que ninguén está contento co que lle toca?

Durante a interpretación do monólogo, cheo de reflexións e surrealismos meticulosamente ensaiados, Piedrahita abordará a realidade cotiá das persoas, poñendo sobre a mesa os aspectos máis divertidos e absurdos do noso día a día. A improvisación, un dos sinais de identidade do monologuista coruñés, será unha constante durante as tres sesións, deixando a un lado o guión e conectando ao protagonista co público.

As entradas para asistir ao espectáculo, recomendado para maiores de 12 anos, con prezos que van desde os 15 ata os 20 euros, xa están á venda a través da páxina web de Ataquilla.com e no despacho de billetes central do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE) da praza de Ourense (de 11.00 a 15.00, e de 16.30 a 19.30 horas). Os pases tamén poderán adquirirse o día da actuación, no despacho de billetes do Teatro Colón, desde dúas horas antes do comezo da función, sempre que haxa entradas dispoñibles.

Nacho Vegas e Ismael Serrano, na programación de febreiro do Teatro Colón Neste segundo mes de ano 2022, o Teatro Colón abrirá as súas portas a un total de dez espectáculos culturais. Entre eles, a posta en marcha do ciclo musical Selección Noroeste, co asturiano Nacho Vegas presentando o seu traballo “Mundos inmóviles derrumbándose” (venres 11 de febreiro; 21.00 horas).

Ademais, o venres 18 de febreiro (20.30 horas), a coprodución teatral ‘En tierra extraña’ chega ao Teatro Colón coa cantante e compositora malagueña Diana Navarro como protagonista. A obra conecta as figuras de Concha Piquer e Federico García Lorca.

Por outra banda, e xa o sábado 19 de febreiro (20.30 horas), o Colón acolle o concerto do cantautor madrileño Ismael Serrano, que presenta na Coruña o seu novo traballo, ‘Seremos’, o agardado álbum inédito co que se posicionou durante as primeiras semanas no número dous da lista de vendas.