Esta mañá empezaron as obras de mellora do tramo de estrada que sobe desde Riolimpo até o castelo de Naraío. Son exactamente 800 metros de trazado aos que se lles vai dar maior ancho e aos que tamén se lles vai substituír o firme de asfalto por outro de aglomerado. O proxecto finánciase con cargo ao POS+ Adicional de 2021 e suporá un investimento de 57.354 euros, IVE incluído. Esta actuación vén sumarse á executada o ano pasado entre a Longra e Riolimpo, de modo que en cuestión de días quedará completada a renovación da principal vía de acceso á fortaleza vindo desde o lado oeste, pola que se serve tamén a veciñanza dos lugares do Seixo Branco, as Barreiras, Riolimpo, Vilarbó e o Castelo, ademais de quen continúe camiño cara á Fraguela e Vilarxá. Malia que o novo aglomerado rematará uns metros máis arriba do castelo medieval, o Concello xa ten preparados outros dous proxectos máis para chegar até o cruzamento coa estrada das Pontes.
Eses dous proxectos entre o Castelo e a Rampla (en Vilarxá) incluíronse nas previsións do POS Complementario de 2022 ás que se lle deu o visto e prace por unanimidade no pleno ordinario do pasado xoves. De momento son iso, previsións, xa que para poder levar a cabo as obras haberá que agardar a que a Deputación da Coruña habilite fondos ao longo deste ano a través do chamado Plan Adicional, que se nutre de remanentes económicos xestionados polo ente provincial.
Dito doutro modo, o Concello -e todos os concellos da provincia- deben aprobar e presentar proxectos en espera de que a Deputación proporcione os cartos para facelos, aínda que nada lles quite de executalos pola súa conta en calquera momento se así o deciden, ben con fondos propios ou con achegas doutras administracións.
No caso de San Sadurniño metéronse no Plan Complementario catro obras viarias: o aglomerado desde a Camba ata o límite con Moeche (2,1 km e 169.000 euros de investimento), o aglomerado e a senda peonil desde a Chabola ata o Chao de San Cristovo (575 m e un orzamento de 86.300 euros) e os dous do acceso norte ao castelo de Naraío que, de saíren adiante, serían outros 1,8 quilómetros de pista, 900 metros do Castelo á Fraguela e 930 desde a Fraguela até a Rampla, cun orzamento global próximo aos 138.000 euros.
O que está en marcha desde hoxe é a reparación da metade que faltaba do acceso oeste. O ano pasado xa se cubriran algo máis de 600 metros entre a Longra e Riolimpo e agora comeza o amaño desde este punto ata un pouco máis arriba do Castelo.
Son 800 metros xustos que se lle adxudicaron a Construcciones José No Mantiñán e Hijos por un importe de 57.354 euros, IVE incluído, e un prazo de execución máximo de cinco meses que, con toda seguridade, se verá reducido a tan só unhas semanas se a bonanza do tempo continúa. A empresa xa desprazou maquinaria á zona esta mañá co obxectivo de iniciar de inmediato a limpeza das cunetas e a preparación da caixa do novo firme, que pasará dos 4 aos 5 metros de ancho medio. Unha vez rematada esa parte do proxecto botarase unha capa de rodadura aglomerada que lle dea continuidade ao tramo executado o ano pasado.
A obra pretende mellorar a seguridade e a durabilidade dunha pista que viu incrementado considerablemente o seu tráfico a raíz da última rehabilitación do castelo, ademais de soportar o paso de maquinaria e transportes forestais e dar servizo aos lugares da Longra, o Seixo Branco, as Barreiras, Riolimpo, Vilarbó, os Paraños e o Castelo.