Friday 22 de November de 2024

A Xunta adxudica un novo obradoiro de emprego conxunto entre Cambre e Sada que permitirá ocupar a case unha trintena de desempregados


Trátase da especialidade en atención a persoas dependentes en institucións sociais que xa puxo en marcha Cambre nos tres últimos anos e que deu uns espléndidos resultados de inserción laboral

A Xunta adxudica o Obradoiro de Emprego “CAMBRE-SADA ATENCIÓN SOCIOSANITARIA”, que poderá formar e empregar case 30 persoas (22 alumnos e 5 técnicos docentes) durante un prazo de seis meses. Trátase da especialidade en atención a persoas dependentes en institucións sociais que xa puxo en marcha o concello de Cambre nos tres últimos anos e que deu uns espléndidos resultados de inserción laboral. Hai que recordar que o 60% dos alumnos e alumnas do taller desta especialidade encontraron traballo tras finalizar as súas prácticas. O obradoiro solicitado pertence a unha rama formativa que o Centro de Formación Municipal ten homologada e que xa se imparte dende hai anos no complexo de Espírito Santo. Terá un custo de 195.000 euros e poñerase en marcha este mesmo ano. Segundo o alcalde de Cambre, Manuel Rivas, este proxecto é unha oportunidade para moitos desempregados xa que se demostrou que a inserción laboral neste campo foi efectiva. Entre os centros cos que se espera traballar, destacan Aspace (asociación de pais de persoas con parálise cerebral), Aspronaga (asociación pro persoas con minusvalidez intelectual), Institución Benéfico Social Padre Rubinos, Residencia de Anciáns, Residencia García Hermanos, e Irmás Hospitalarias do Sagrado Corazón de Jesús Pai Menni. O programa de emprego que convoca a Consellería de Traballo é unha fórmula idónea para lograr a inserción laboral posto que se levarán a cabo contratos de seis meses para desempregados de Cambre e Sada, dentro dun programa mixto de formación e emprego, no cal os alumnos traballan e saen ao mesmo tempo co seu certificado de profesionalidade. Así, a intención de ambos os dous concellos é formar os alumnos nun sector en notable crecemento, como é a atención soicosanitaria nos centros especializados como unha válida alternativa laboral.